Barbadás acollerá un taller sobre froiteiras

O obradoiro desenvolverase entre o luns 22 e o venres 26 no centro empresarial transfronteirizo

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto celebrar dende este vindeiro luns 22 de novembro ata o venres 26 un curso sobre o manexo, a poda e o enxerto de árbores froiteiras. A xornada, que será en horario tarde, terá lugar no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás.

O obxectivo deste curso é ensinar os principios básicos de cultivo e da poda destas árbores para conseguir unha froita e colleita de calidade. Así, abordaranse os tipos de poda existentes nas froiteiras de pebida e nas de óso, os enxertos e as pragas e enfermidades que afectan a estas árbores.

A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada a nivel profesional cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos  do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación a este sector no futuro.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Te puede interesar