O BNG reclama máis medios para o Xulgado de Familia

O deputado Iago Tabarés estima entre os tres e os catro anos o tempo de resolución dos asuntos familiares

O grupo provincial do BNG vén de lamentar o "colapso" do Xulgado de Familia e da sección civil da Audiencia provincial. O deputado nacionalista Iago Tabarés subliña que "a pesares das medidas de reforzo e apoio adoptadas de xeito continuado nos últimos anos, as taxas de conxestión son elevadísimas e inaceptables para un servizo público esencial".

Iago Tabarés critica que "o Xulgado de Familia de Ourense vén soportado unhas taxas de conxestión elevadísimas e crecentes, polo que as medidas adoptadas nos últimos tempos deben considerarse claramente como insuficientes ou inadecuadas".

Segundo defende o deputado, "na súa recente visita ao partido xudicial de Ourense, o presidente do Tribunal de Xustiza puido constatar persoalmente a situación de colapso que padece o Xulgado de Primeira Instancia número 6, especializado en materia de familia e capacidade". 

Lembra ademais que "desde hai anos se vén reclamando a creación dunha nova praza de maxistrado, sendo a taxa de conxestión do órgano colexiado superior a dous puntos, duplicando o que podería constituír a taxa ordinaria", compara o deputado do Bloque no Hórreo.

Segundo a formación nacionalista, podería estimarse en tres ou catro anos o tempo para a resolución dun asunto de familia ou sobre capacidade das persoas no partido xudicial de Ourense, "o que en modo algún podemos considerar asumible". 

Por todos estes motivos, rexistraron varias iniciativas dirixidas ao executivo galego para que adopte "as medidas necesarias" para revertir a situación actual. Tabarés asegura que desde o partido nacionalista solicitarán "a ampliación da planta xudicial no partido xudicial de Ourense". 

Te puede interesar