Camiño xacobeo Minhoto-Ribeiro da Geira dos arrieiros

O camiño para Compostela dende a capela de San Roque, na entidade menor de Berán, Leiro.
photo_camera O camiño para Compostela dende a capela de San Roque, na entidade menor de Berán, Leiro.

Vai minguando como a luz na estación outonal o Ano Santo Xacobeo. Este gran evento relixioso, de fe e espiritualidade, semella ter retrocedido ante a implosión do laicismo turístico dos turigrinos, vocábulo que ten feito fortuna. Logo da longa espera, de 2010 a 2021, está a ser excepcional pola súa duración, ampliada até o 31 deste mes do Nadal, decisión relixiosa cal graza especial pola Covid-19, pandemia singular que aínda dura. Esta ten mudado costumes rituais da práctica cotiá no culto nas igrexas e na propia catedral, lugar pechado no que se congregan concentracións de fieis, e mesmo en espazos máis amplos e abertos, como as prazas. 

Neste contexto de oportunidade xurde un cuadripartito libro de investigación cun inxente número de ilustracións, algunhas delas sen pé, e unha manchea fotografías aéreas máis que cartografía en sentido estrito, da autoría de Marcial Méndez, que ben puidera figurar como como autor do mesmo. E para abrilo, o relevante documento asinado en Braga polo arcebispo desta Sé D. Joge Ortiga co de Santiago de Compostela D. Julián Barrio, que rubrican o 17 de setembro de 2021 a certificación do deán do cabido compostelán e delegado de peregrinacións do 29 de decembro de 2020 como camiño de peregrinación. O significado documento pecha as introducións.

Castor Pérez Casal, escribe o capítulo de Braga até Ribadavia e, con Jorge Lamas Bértolo, analizan xuntos o camiño dende a vila capital da comarca do Ribeiro até Compostela. Con eles José Ramón Estévez, quen trata aquela, apenas nunhas páxinas. Cada un dos catro capítulos é unha monografía, a maioría deles con cadansúa bibliografía, do que resulta unha fragmentaria unidade sen máis idea de unidade que a de seguir o Caminho/Camiño. Así de Braga a Melgaço, de Lobios a Ribadavia, e dende ela á cidade do Apóstolo. Máis alá das gallas da edición, deixase sentir a ausencia dun coordinador que centre a idea-fonte. A elo contribúe en gran medida a decisión de repetir, logo de cada texto copiado das fontes bibliográficas, a cita enteira do autor do libro ou artigo, sistema xa sen predicamento. Aquelas fontes son pola súa banda, referenciadas de xeito incompleto en moitas ocasións. Máis o traballo ten moitos méritos, caso dos mapas e planos antigos, sendo o principal o de poñermos diante de nós un Iter Xacobeo que conecta Portugal polo centro coa Galicia da gran comarca vinícola do Ribeiro, denominación de orixe protexida, superando o Miño arredor da Arnoia e atravesándoo cara o Norte en paralelo ao Avia, por Beade, centro da Encomenda da Orde Militar de Malta, sendo de lamentar que se tome do máximo especialista, o Dr. Isidro García Tato, do CSIC, o seu mapa das encomendas e datos, sen aparecer na bibliografía. Dende antigo, o viño, ía levado por arrieiros tanto cara os portos como a Santiago, entrando no burgo pola porta de Mazarelos, importante tema a desenrolar. 

AS LUCES PSEUDOGÓTICAS DO PASEO

Como se dun iter stellarum xacobeo se tratara, do Sur ao Norte, cobren o anaco de ceo entre as señoriais casas burguesas de gran arquitectura modernista e ecléctica aos lados. Aseméllase así o paso baixo delas pola rúa principal da cidade das Burgas un Paseo baixo escintilantes bóvedas góticas, esencia cristiá das catedrais dende os tempos da escolástica medieval.

Te puede interesar