O Campus do Mar exhibe os seus plans en Viana do Castelo

A un ritmo de 1.000 persoas por día estanse a suceder, nas primeiras xornadas, as visitas aos obradoiros da Semana do Mar que desde o pasado venres e ata hoxe, martes, desenvólvese na localidade portuguesa de Viana do Castelo.
Organizada polo Campus do Mar, a Cámara Municipal de Viana do Castelo e o Eixo Atlántico, a Semana permite achegar aos veciños e veciñas da vila lusa a través de obradoiros, saídas de campo, proxeccións e relatorios, o traballo que desenvolven os investigadores que centran os seus estudos no medio mariño e así comprender a importancia que cara á conservación do medio ten o traballo que desenvolven os científicos na Universidade.

Os obradoiros de Campus do Mar son o punto central da Semana que foi inaugurada polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e o presidente da Cámara Municipal de Viana e presidente do Eixo Atlántico, José Maria Costa. O dedicado á pesca cunha piscina que na que os rapaces pescan diferentes especies e, no caso de que non cumpran coa talla mínima, deben devolver á auga; o das dunas, no que o monitor explica as súa importancia e reta aos participantes a crear unha in situ e o dos otolitos dos peixes que amosa para que serve calcular a idade dos peixes, son os obradoiros que máis éxito están a acadar entre os visitantes.

Te puede interesar