CUARTA EDICIÓN DE 'HAI QUE CANTAR'

Cantar na taberna entre cuncas de viño

"A festa retorna as rúas de Ourense", adiantan dende a organización do evento de música tradicional, que se celebrará este venres en varios establecementos da zona vella

Este venres volve 'Hai que cantar!', o roteiro organizado de diversos grupos de música tradicional por varios bares e tabernas da cidade. "Tralo éxito das pasadas tres edicións (febreiro, maio e novembro de 2014), a festa retorna as rúas de Ourense", segundo explican dende a organización dun evento que contará coa implicación do alumnado do ciclo de Produción de Audiovisuais e Espectáculos do CIFP A Farixa.

A troula comezará cara as 21:00 horas na Praza do Ferro coa reunión de todos os grupos de música participantes para entonar cantos conxuntos. Será posteriormente, cara as nove e media da noite, cando os grupos empecen o roteiro establecido polos bares participantes. Cada bar acollerá a 3 grupos diferentes, previamente asignados pola organización, en turnos de 30-40 minutos e ata as 23.59 horas.Os horarios coas quendas estarán disponibles durante o evento en cada un dos locais (información actualizada nos perfís do evento en Facebook e Twitter). O peche terá lugar cara medianoite na Praza do Trigo cunha nova xuntanza dos grupos ao redor da fonte.

Dende a organización do evento valoran a importancia de reivindicar "a fonda tradición de cantar nas tabernas, que co paso do tempo foi perdéndose na nosa cidade, como ocorreu en outros moitos lugares. Os novos queremos recuperar aquel bo costume que no seu día lles roubaron ós nosos maiores con carteis que recollían mensaxes coma: «Se prohíbe cantar» ou «Si canta mal, cállese y si canta bien, hágalo en la calle».

Locais e grupos participantes

Desta volta, serán catro os establecementos que acollerán ós grupos participantes no “roteiro cantareiro” pola zona dos viños da cidade: O Bar París, o BarMontecarlo, o Bar Orellas (o da Rúa da Paz) e o Bar o Sol. Estes locais irán recibindo por quendas aos grupos participantes, algúns xa presentes tamén en anteriores edicións. Repitirán: As escachaferreñas (Ourense), Xurupia (Ourense), As macizas centrais e Os Valientes de Trives (Trives) e Ardoa (Ourense). Participarán por vez primeira: Mamuxos (Ourense), Voces do arrieiro (Ponteareas) e Xúa Pandereteiras (Ourense).

Te puede interesar