A gañadora foi Maribel Castro, cunha instalación

O Certame de Artes Plásticas promovido pola Deputación reúne a preto de 150 artistas

Unha visitante contempla a obra gañadora. (Foto: José Paz)
Unha instalación con fotografía sobre aluminio de Maribel Castro Díaz foi a obra gañadora do Certame de Artes Plásticas organizado pola Deputación de Ourense. Na súa oitava edición presentáronse preto de 150 traballos de artistas de todo o país, Italia, Portugal ou México. A idade dos participantes estivo entre 18 e 30 anos.
Promover e apoiar ós novos valores nos distintos campos das artes plásticas: pintura, escultura, gravado e calquera outro tipo de expresión artística coma vídeo, arte dixital ou instalacións. Este é o obxectivo do Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense, que este ano chegou á súa oitava edición. Onte pola tarde entregáronse os premios e inaugorouse unha exposición cos traballos seleccionados.

Dos preto de 150 traballos presentados -procedentes das diferentes comunidades, así como de Italia, Portugal ou México- o xurado elexiu como gañador o de Maribel Castro, residente en Madrid. Baixo o título de ‘Ofelia’, trátase dunha instalación con fotografía sobre aluminio que recibiu os 6.000 euros cos que está dotado o galardón, creado para impulsar o traballo de artistas menores de 30 anos. O galego José Collazo recibiu o segundo premio por un vídeo presentado baixo o título ‘Von Weitem’, mentres que o terceiro galardón foi para unha obra pictórica de Marcos Covelo Pérez. Os accésits foron para Arturo Fuentes (Barcelona) e Jesús Madriñán (Santiago), por un vídeo e unha foto, respectivamente.

O xurado estivo formado por Almudena Fernández (Facultade de Belas Artes de Pontevedra), Xesús Vázquez (pintor e escultor), Angel Cerviño (pintor e comisario de exposicións) e Mercedes Rozas (comisaira de exposicións e crítica de arte), actuando como secretario o director do Centro Cultural, Francisco González.

Te puede interesar