Mentres que centros coma o Museo do Pobo Galego tratan de combater a crise cobrando por acceder, ningún dos ourensáns ten entre as súas previsións cambiar o modo de acceso

Cobrar ou non cobrar, velaí a cuestión para os museos

Interior do Museo Arqueolóxico, que non cobra entrada. (Foto: MARTIÑO PINAL)
Que o mantemento dos museos ten un custo económico semella non ser unha afirmación dubidosa. O que non está tan claro é quen ten que facerse cargo del, ou cando menos, de parte del. Algúns opinan que as administracións, naqueles museos de titularidade pública, teñen que subsanar os gastos que xeren os centros culturais, pero tamén existe a postura contraria. Nos últimos días do mes de xuño xurdía a noticia: o Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, comezaba a cobrarlle ós asistentes a entrada. O motivo: as dificultades económicas dun centro rexido por un padroado.
En Ourense, a metade dos museos da provincia son de acceso libre e gratuito e, polo de agora, non está previsto que ningún dos que cobran nin dos que non o fan cambie de situación. De entre os de titularidade pública que permiten o acceso libre, o Museo Municipal da capital, por exemplo, non ten previsto tomar medidas nese sentido. El depende do Concello, pero hai outros, como é o caso do Museo Arqueolóxico ou do Etnolóxico de Ribadavia que forman parte da Rede de Museos Estatais, aínda que xestiona o seu funcionamento diario a Xunta de Galicia e por iso non teñen os seus directivos potestade para decidir o cobro. Ademais, segundo sinala o director do primeiro, Xosé Carlos Sierra, ós centros que aínda non funcionen a pleno rendemento non se lle pode aplicar a taxa de cobro.

Unha das cuestións é saber se o feito de cobrar bota para atrás ós visitantes que se achegan ós centros culturais. Moitos coinciden en que isto depende da procedencia. Mentres a xente de fóra de Galicia vén predisposta a pagar entrada en cada centro que visita, os de dentro non reciben o prezo cos brazos abertos. Sierra entende que a tradición cultural inflúe. Con el coincide un dos membros do padroado que xestiona o Museo da Limia, Delfín Caseiro. Alí si que cobran, pero un simbólico prezo de 1,50 euros, que non aboan as persoas de Vilar de Santos. No parecer de Caseiro, 'debemos asociar a cuestión monetaria' coa cultura para 'darlle un pouco de valor'. O cobro faría 'reflexionar á xente' e concienciala de que o mantemento das infraestructuras costa un diñeiro.

No Centro de Interpretación da Ribeira Sacra, ubicado en San Pedro de Rocas, o visitante non ten que pagar entrada e o responsable de mantemento, Antonio Lorenzo, afirma que esta circunstancia sorprende ós foráneos. 'Lo que no cuesta, a veces no se valora', afirma o arquiveiro da Catedral, Miguel Ángel González. No museo do que el forma parte si que cobran porque o mantemento depende das entradas, pero 'el panorama no es nada halagador'.

A gratuidade total existe nalgunhas institucións, pero hai outras fórmulas. Non impoñer un prezo de acceso pero aceptar doacións é o patrón que seguen na fundación Otero Pedrayo, xunto ós recordos que alí venden e, polo que contan, a maior parte dos visitantes colaboran.

O centro xudío de Ribadavia ou a rede de museos de Allariz son exemplos de lugares que piden unha simbólica retribución pola entrada: un euro cada centro. Isto non semella reducir o número de visitantes, posto que pola vila do Arnoia pasan cada ano varios miles de persoas, ó igual que pola do Avia. Educación ou non, en Ourense as posturas están claras: os que cobran manterán os prezos e os que non, a gratuidade.

Te puede interesar