A charla serviu de peche dun curso de galego administrativo no Centro Cultural da Deputación

Un coloquio traza a relación entre o idioma e a mocidade

A relación entre lingua e mocidade e o xeito no que a xente nova recibe o galego foron os temas do coloquio que pechou o curso de galego administrativo, celebrado no Centro Cultural da Deputación. Baixo o título 'Lingua e xuventude: un debate para o futuro', participaron a xornalista de La Región Carolina Piñeiro e o profesor de galego Fernando Domínguez. Ámbolos dous expuxeron as súas posturas sobre o idioma, moderados polo presidente do Centro PEN Galicia, Luis González Tosar.
O coloquio, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, tiña como obxectivo analizar a situación actual do galego entre a xente nova. Trala presentación que González Tosar fixo dos participantes, o turno de palabra foi para Carolina Piñeiro, que falou sobre a súa propia experiencia co idioma. Sinalou que, para ela, 'a súa recuperación pasaría por volver a vista cara ás aldeas', porque 'alí é onde se fala o verdadeiro galego'. Do mesmo xeito, considerou que aínda queda a idea de que 'o galego é para os vellos', consideración 'instalada, sobre todo, nas cidades'. Xa por último, Carolina Piñeiro afirmou entender un idioma como 'medio de comunicación, que nunca debera valer como arma de conflicto'.

Concluída a súa intervención, falou Fernando Domínguez, santiagués de nacemento pero con orixes e residencia en Ourense. El, que día a día convive cos seus alumnos, asegurou que 'a sociedade é o espello no que se miran os rapaces, aínda que pareza que non fan caso'. O mestre sinalou a necesidade de facerlle ver ós nenos o galego 'coma algo máis ca unha asignatura que teñen que aprobar'. Aínda que se confesou castelánfalante na súa infancia, o feito de 'convivir cos meus avós en Pereiro de Aguar fixo que haxa sentimentos que non sei expresar en castelán'. Fernando Domínguez concluíu a súa intervención sinalando que 'non se debe escoller entre galego e castelán, senón que teñen que complementarse'.

O coloquio pechou un curso de galego administrativo, previamente clausurado polo presidente da Deputación, José Luis Baltar; o director do servizo formativo da institución, Carlos Castiñeiras, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo.

Te puede interesar