OURENSE

Detidos dous homes por dous roubos con intimidación

Os arrestados, de 35 e 40 anos, pasaron a disposición xudicial o pasado sábado, tras o que quedaron en liberdade

Axentes da Policía Nacional de Ourense detiveron o pasado venres dous homes como presuntos autores de dous delitos de roubos con intimidación.

O primeiro dos feitos aconteceu o pasado día 2 sobre as 16,00 horas cando dúas persoas se achegaron a dous mozos que se atopaban no Parque Miño, onde, tras intimidalos, lles arrebataron os dous teléfonos móbiles que portaban.

O segundo dos feitos aconteceu á entrada dun centro comercial da cidade o pasado venres ás 15,45 horas, cando estas dúas mesmas persoas se achegaron a outro mozo e conseguiron subtraerlle un total de quince euros que portaba.

Coñecidos estes feitos pola Unidade de Delincuencia especializada e Violenta da Comisaría de Ourense, iniciouse a investigación oportuna. As devanditas pescudas deron como resultado a identificación dos presuntos autores, que foron detidos dúas horas despois de cometer o último roubo.

Os detidos son dous homes de 35 e 40 anos de idade, a un dos cales lles constan dez detencións anteriores por diversos feitos. Os arrestados pasaron a disposición xudicial o pasado sábado, tras o que quedaron en liberdade.

Te puede interesar