“En contra do que moitas veces se pensa, no exterior fálase de españa como un todo'

O historiador Xosé Manuel Núñez Seixas
O ourensán Xosé Manuel Núñez Seixas, xunto con Javier Moreno, edita o libro 'Ser españoles', no que varios autores afondan no sentimento de identidade ó longo do século XX.
Despois de facer este libro, a que conclusión chegaron sobre o que significa “ser españois”?
Nestes tempos é cada vez máis complicado. Puxémoslle ese título porque, máis que preguntármonos sobre as esencias de España, tratamos de analizar como a xente vive esa identidade e sobre todo con que se identifica. Estes mesmos criterios pódenselle aplicar a España, a Galicia ou a calquera outra nación. Precisamente por iso, o que fixemos foi reunir a varios autores, escollendo unha serie de manifestacións e paradigmas cos que a partir do século XX se ten definido a españolidade. Dunha banda estarían os símbolos formais como a bandeira, o himno, a monarquía ou a república. Tamén hai outros aspectos como a relixión, América -que é omnipresente ó longo da historia- ou a lingua. Ademais, fixámonos en cales son as prácticas sociais asociadas a eses símbolos porque o importante non é só de que cor é a bandeira, senón que significados lle aporta a xente.

Entón sentiámonos máis españois do que nos sentimos hoxe?
Se un mira a difusión destes conceptos, coa festa dos touros ou a españolización do cinema, por exemplo, foi moitas veces en aumento contribuíndo á cohesión. A cuestión é que moitos destes símbolos pasaron a ser rexeitados por algúns sectores de poboación, en Cataluña e no País Vasco sobre todo, e puxéronse en marcha fenómenos de construcción nacional alternativos. Pero isto tamén é diverso, porque hai usos sociais para os que están lexitimados os símbolos, por exemplo ir ver un partido da selección española. En troques, a ninguén se lle ocorrería acudir coa bandeira ás manifestacións do 1 de maio.

É máis difícil construír a identidade española que a portuguesa ou a francesa?
En tódolos países teñen as súas cousas e neste libro partimos da base de que España non é ningún caso excepcional. A identidade nacional está discutida, pero iso tamén foi así en Gran Bretaña ou Alemaña. Que os símbolos sexan discutidos é o habitual, pero en España hai os nostálxicos que querían ter un estado centralista como Francia. E o certo é que Francia é un caso único en Europa, non é o patrón, senón a excepción.
En puntos como Cataluña, as voces pedindo independencia ou, cando menos, cambios son cada vez máis. Cara onde imos?
Iso non o sabe ninguén. A impresión que a min me dá é que hai unha dinámica de reforzamento de identidades territoriais fortalecida nalgúns casos, que non en todos, polo estado das autonomías. Creo que tamén en parte unha certa fuxida cara á idea de que a autonomía non abonda. Todo isto nun mundo globalizado no que cada vez é máis difícil falar de soberanía. Pero tamén está a crise económica xogando un importante papel ó provocar que algúns se refuxien nas identidades nacionais.

Acentúase o “patriotismo' en tempos de crise?
Non hai ningunha lei que o demostre, pero hai veces que incluso se radicaliza en tempos de crise. No fenómeno actual, o contexto económico inflúe, hai sectores de poboación convencidos de que reafirmando a identidade nacional poderase saír desta.

Vostede que está en Alemaña, como dirían que perciben a España no exterior?
Hai de todo. En contra do que moitas veces se pensa, as cuestións territoriais non son tan visibles fóra. É visible Cataluña, coa tregua de ETA o tema vasco está moi apagado... En xeral, fálase de España como un todo.n

Te puede interesar