Intellectia Bank dirixirá no Doce de Outubro un plan para rentabilizar o uso do ordenador

Unha empresa de Tecnópole crea aulas para superdotados

Traballadoras nas oficinas de Intellectia Bank no Parque Tecnolóxico.  (Foto: XESÚS FARIÑAS)
Dar valor á formación, vinculándoa ás novas tecnoloxías, para que os alumnos de hoxe sexan un capital humano adaptado ás necesidades do futuro. É a liña de traballo na que desenvolve os seus proxectos a firma Intellectia Bank, ubicada no Parque Tecnolóxico.
Esta empresa vai iniciar un programa piloto de aplicacións dixitais para o proxecto Abalar (a incorporación de ordenadores nas clases), en colaboración co IES 12 de Outubro. O obxectivo é crear plantillas de xestión de contidos cun novo enfoque, no que o profesor continúe sendo o protagonista, pero non se limite a ensinar, senón que acompañe ós alumnos na construcción dos contidos. Os estudiantes, ademais, colaboran entre eles e poden editar os temas ou compartilos en redes sociais. 'Cando os rapaces constrúen os contidos, é máis doado que se lembren deles', explica José Manuel Castro, director de Intellectia Bank. Con este proxecto, aprenden tamén a ter criterio e interpretar datos. 'É por onde ten que ir a educación no futuro', engade.

O proxecto probarase entre alumnos de ESO, Bacharelato e FP neste centro, a través dunhas plantillas de xestión que recollen os contidos curriculares e que logo se pasarán a outros centros galegos. Posteriormente, as plantillas irán conformando un contedor dixital, que vai crear a Consellería.


AULAS INNOVADORAS

Dentro das actividades desta empresa están as 'Aulas de Capacidades Especiais', dirixidas a alumnos superdotados e adaptadas ás súas necesidades formativas. Asimesmo, coa Escola de Negocios de Novacaixagalicia, traballan nunha aula para ensinar economía e creación de empresas ós estudiantes de Secundaria e Bacharelato, desenvolvendo a iniciativa emprendedoras. Todas as accións enmárcanse dentro dunhas aulas globais 'on line' para que os rapaces de Ourense poidan interactuar cos de calquera lugar do mundo, forzándoos a que desenvolvan idiomas.

Os obxectivos últimos destos programas son 'que rapaces capacitados e con talento poidan quedar aquí e non marchar fora', sinala Castro.

Te puede interesar