As rúas do Casco Vello cubríronse onte dunha atmósfera reivindicativa en defensa do idioma, que tivo como eixo condutor a lectura dos esgazadores versos de Lois Pereiro e outros autores nun roteiro poético-musical

O engaiolante fenómeno Lois

O profesor do Campus Iván Area iniciou o roteiro poético-musical na praza do Ferro. (Foto: MARTIÑO PINAL)
Un roteiro poético-musical polas rúas do Casco Vello anticipou onte os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas, adicado este ano á figura de Lois Pereiro. Os esgazadores versos do autor monfortino foron contaxiando paseniñamente a moitos dos viandantes, que acabaron por sucumbir ó engaiolante 'fenómeno Lois'. O encargado de abrir o acto foi o profesor do Campus Iván Area cunha arenga reivindicativa a prol do idioma.
O emotivo itinerario partiu da praza do Ferro e foi cubrindo as prazas Eronciño dos Cabaleiros, Maior e Imprenta cunha atmósfera a medio camiño entre o existencialismo e a reivindicación protagonista nos versos do monfortino. 'A urxencia dun deliquio na maquillaxe impura/ da fría vibración metálica do medo/ se as azas esgazadas da desorde/ de súpeto reviven a presencia', arrincaba a lectura do poema 'Biopsia'.

A 'palabra exacta' encadeóuse coa música dos PerQtores de Seixalbo, que acompañaron cun ton festivo a procesión pagana na honra do homenaxeado. Os ecos do texto 'Remorso': 'A neve en Monforte fumadora de opio/ é a nai de siluetas furtivas/ e saúdo ó perigo que brilla/ na face escura dos teus soños', deixaron unha intensa estela nas rúas do Casco Vello, que se adaptaron ó berro de contemporaneiradade de Pereiro. Mais os poemas do monfortino uníronse ós de Rosalía de Castro, Manuel María, Darío Xohán Cabana, Castelao e Uxío Novoneyra nunha gran festa da lingua, que rematou coa interpretación musical de 'Roberto Sobrado e banda' na praza do Correxidor.


ACTOS PARA HOXE

Dende as primeiras horas da mañá o burgo medieval de Vilanova dos Infantes (Celanova) acolle a décima edición da Romaría Etnográfica Raigame, unha das celebracións máis salientables do Día das Letras Galegas na provincia onde haberá actuacións musicais de grupos tradicionais, exposición e venda de produtos artesáns e a adega de San Vivián abrirá as súas portas ó público para acoller o Museo dos Zapateiros.

Na cidades os actos conmemorativos comezarán ás 12:00 horas nos xardíns do Pai Feixóo coa lectura dun manifesto a prol da lingua e de poemas do hemenaxeado, que coordinará a plataforma Queremos Galego. Acto seguido abrirase na rúa do Paseo unha exposición e venda de libros. En Ribadavia, no salón de actos do Concello, farase unha lectura continuada dos textos de Lois Pereiro e no Barco de Valdeorras, Ribadavia, Xinzo, Carballiño, Verín e Allariz tamén se conmemorarán as Letras Galegas.

Te puede interesar