'En Surámerica aínda queda a laboriosidade dos nosos emigrantes'

Foro La Región: Xosé Neira Vilas

O célebre escritor Xosé Neira Vilas protagoniza o Foro La Región que se celebra esta tarde, ás 20,15 horas, no Centro Cultural 'Marcos Valcárcel'. O autor de 'Memorias dun neno labrego' abordará o tema da emigración galega cara América e as consecuencias que esta desencadeou a ámbolos lados do Atlántico.

É a Galicia actual inconcebible sen a emigración?
Aínda está por estudar canto debe a nosa Autonomía de hoxe á emigración. Hai cousas que nós postulabamos hai máis de 50 anos en Bos Aires como foi por exemplo a comarcalización de Galicia, da que non se falaba aquí daquelas. Ademais, miles de mozos galegos puideron ir á universidade grazas a que seus pais foron emigrantes.

Cal é a influencia actual de Galicia en Suramérica?
Castelao dicía que en América quedarían só os nosos apelidos, pero quedan máis cousas. Quedan costumes, hábitos, comidas, palabras insertas na fala popular de moitos países... Pero sobre todo queda o exemplo da nosa laboriosidade nos nosos fillos e netos. Realmente hai unha simbiose cultural con América, porque en Galicia tamén temos cousas que chegaron dende o outro lado do océano, como cancións populares, rumbas ou algunhas churrasquerías. O emigrante sempre foi símbolo do progreso.

Estamos a vivir un novo clima de diáspora pola crise?
Hai unha nova diáspora, pero é completamente distinta. A emigración actual non é de campesiños analfabetos coma a de antes, é unha emigración de licenciados. Antes a marcha dun mozo de vinte anos a traballar de peón supúñalle ao Estado a perda da enerxía dunha persoa con ganas de traballar, pero agora a esta enerxía súmaselle a formación que recibe, que acaba destinada ao beneficio doutro país. Para mín, emigrar é un dereito humano, pero é unha mágoa que un país non poda manter aos seus fillos.

Te puede interesar