O futuro da poesía galega inspírase dende Ourense

photo_camera Carmen Fernández Margusino.
Un canto ao amor propio: “Á flor baixo a neve” foi o que coroou a Carmen Fernández Margusino, unha moza ourensá estudante de Maristas, como a gañadora do XI certame “Lingua de namorar” que organiza a Consellería de Política Social.

Carmen Fernández Margusino ten 17 anos, é alumna do instituto Maristas da cidade e é a gañadora da categoría A (para rapaces entre 14 e 19 anos) da XI edición do certame “Lingua de namorar”, unha iniciativa promovida pola Consellería de Política Social que se basea nun concurso de declaracións de amor en galego para dinamizar o seu uso entre a xuventude, engadíndoo nas súas relacións persoais e tamén na súa vida na rede. Esta moza ourensá decidiu rachar coa tónica habitual neste tipo de pezas de amor, que case sempre van dirixidas a outra persoa, escribíndolle “á Carmen do futuro”, nunha peza de amor propio que busca profundizar na relación consigo mesma e na aceptación de quen é.

“Foi unha sorpresa moi grande recibir o premio, ao principio non o podía crer”, explica Fernández sobre as sensacións que tivo cando lle comunicaron que era a gañadora da súa categoría. Este asombro prodúcese porque “non tiña ningunha aspiración ao presentarme”. Se decidiu entrar neste certame foi por unha iniciativa do seu instituto: Talentia, unha actividade dirixida a rapaces con altas capacidades nas que se realizan obradoiros de radio, robótica, debate, enxeñería ou escritura creativa. Formando parte desta última categoría foi onde Carmen coñeceu o certame e decidiu apuntarse.

“Á flor baixo a neve”, así se titula o poema polo que Carmen Fernández foi galardoada. “Estou nunha situación na que, por así dicilo, non me quero moito a min mesma, e gustaríame quererme máis”, asegura a autora. “Con isto, o que pretendo é que a Carmen do futuro vaia aceptarse dunha mellor maneira”, confesa. Esta perspectiva, remarca, é realmente importante entre a mocidade, xa que o amor propio e a autoaceptación son dous dos temas que máis preocupan á mocidade nos últimos tempos e que “moitas veces se dá por suposto, pero non sempre é así”. Tamén fai referencia ao que atopou nas pezas dos seus compañeiros, “que ao falar de amor sempre se declaran á persoa que lle gusta”, facendo fincapé en que “Á flor baixo a neve” é “un poema de amor para min, e creo que deberiamos facelo todos”.

Tras ela, o segundo premio da categoría foi para Lucas Paz con “Amor contraditorio” e o terceiro para Laura Sande con “Desde Vilamor ata Fisterra”. No caso da categoría B (para persoas entre 20 e 35 anos), o gañador foi Pedro Rodríguez con “O amor de iglú”; Ania Ferreira foi segunda con “Dúas partes que son unha”, e Andrea López recibiu o terceiro premio por “Filautía”.

O USO DO GALEGO

Aínda que confesa que non é unha galegofalante habitual, Fernández explica que “é a nosa lingua e por iso é importante contar a nosa vida en galego”. Se ben é certo que “habitualmente non o falo coas miñas amizades, creo que é unha lingua preciosa e que debería falarse máis, porque todo o que nos pasa podémolo contar en galego”.

O certo é que Ourense segue a ser a segunda provincia máis galegofalante, xa que algo máis do 60% da poboación da provincia fala maioritariamente na lingua de Rosalía na súa vida cotiá segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Con todo, a principios de século,  ano 2003, o 75% dos ourensáns falaban sempre en galego ou máis galego que en castelán no día a día, quince puntos máis que hoxe. 

Te puede interesar