Día das Letras Galegas 2021

O galego é a lingua que máis utiliza o 60% dos ourensáns

Ourense. 17/05/2021. Ambiente covid pola cidade de Ourense.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Ambiente na cidade (Foto: Xesús Fariñas).
Malia ser a segunda provincia que máis o fala, é tamén a que máis o perdeu nos últimos anos

Os ourensáns son os galegos que máis perderon o uso diario da lingua propia no que transcorreu de século, malia que Ourense segue a ser a segunda provincia máis galegofalante, xa que algo máis do 60% dos seus habitantes falan maioritariamente na lingua de Rosalía na súa vida cotiá.

A principios de século, no ano 2003, o 75% dos ourensáns falaban sempre en galego ou máis galego que castelán, unha cifra que diminuíu  nos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) a finais de 2019 ata o 61% dos habitantes. 

O descenso de galegofalantes na provincia  foi de 14 puntos ao longo do século, o máis pronunciado de todas as provincias galegas. No conxunto de Galicia,  o número de persoas que falaban sempre ou maior parte do tempo en galego  a principios de século representaba o 61% da súa poboación, caendo agora ata o 52% do total. 

Por provincias, ademais de Ourense, onde caeu máis de 14 puntos porcentuais, o maior descenso produciuse neste periodo na provincia de Pontevedra. Alí, o uso maioritario do galego pasou do 53,5% ao 42%. En Lugo e A Coruña, as caídas son menos pronunciadas. Na provincia luguesa, a máis galegofalante de Galicia, os que falaban sempre ou maioritariamente na lingua do país pasou do 76% ao 69%, mentres que na Coruña o descenso foi de tan só 5,5 puntos, quedando no 52,5%. 

Con estes datos que o IGE recolleu para a súa Enquista Estrutural a Fogares, só Pontevedra ten máis castelanfalantes que galegofalantes habituais. Sen embargo, a tendencia máis negativa é a de Ourense, onde o forte descenso neste século convida a pensar que o galego deixará de ser maioritario en poucos anos. 

Asemade, centrando os datos só nos que falan en galego sempre (desbotando así os que din falar máis galego que castelán),  Ourense perdeu por primeira vez o segundo posto de Galicia. En 2003, en Lugo falaban sempre galego o 58% dos veciños e en Ourense, o 52%. Daquela, os coruñeses que falaban exclusivamente o galego eran o 43% do total. Desde entón, a situación virou radicalmente. Lugo continúa no primeiro posto, co 47,5% de falantes exclusivos  de galego, pero A Coruña adiantou a Ourense. O 35% dos coruñeses seguen a falar sempre a lingua propia, frente a tan só o  32,2% dos ourensáns. 

Así e todo, Ourense segue a ser preferiblemente bilingüe, e os que falan sempre en castelán apenas supoñen o 17% do total dos residentes, cifras moito máis baixas que o  28% de Pontevedra ou o 27% da Coruña.

En canto á escrita, o galego segue a ser amplamente minoritario, manténdose sen cambios nestes anos. Desde o inicio de século ata agora o uso habitual na escrita creceu do 14% a pouco máis do 15%.

Na cidade: un terzo fala maioritariamente galego

A caída do uso do galego na provincia nos últimos anos ten o seu epicentro na cidade, onde en 10 anos o galego pasou de ser a lingua mái falada polo 47% da poboación, sendo así case maioritaria, a ser empregada preferentemente por só un de cada tres residentes (33,8% do total). 

A caída no uso do galego na cidade das Burgas é pronunciada, pero, malia iso, é a terceira urbe galega onde máis se emprega o idioma autóctono. Hai 10 anos, logo de Santiago (onde o 52% falaba sempre ou maioritariamente en galego), Ourense, cun 47% de galegofalantes habituais, era a segunda urbe máis proclive a usar a lingua (Lugo tamén tiña un 47%). Unha década despois, esa igualdade rompeu. Na capital galega, o 44% segue sendo maioritariamente galegofalante, pero é a cidade das murallas  a que mellor mantén o uso, escalando á primeira posición, cun 44,5% que empregan a lingua galega. No caso de Ourense, a caída é brusca, ao derrubarse o uso ata o 33,8%. 

Malia a este descenso, a das Burgas segue a ser unha cidade fortemente ligada á súa lingua, en comparanza con outras da súa contorna. O exemplo está en Vigo, que é a cidade con menor uso do galego a diario, xa que só o 14,1% dos seus habitantes o usa. Despois, sitúanse Ferrol (16%), A Coruña (20,%) e Pontevedra (23%) no ránquin de utilización da lingua propia. Xa que logo, Ourense pode seguir presumindo de manterse no podio de galegofalantes.

Datos

60,8%
Porcentaxe de habitantes da provincia que fala maioritariamente en galego no seu día a día.

33,8%
Veciños da cidade que falan maioritariamente en galego.

75%
Ourensáns que falaban galego a principios do século XXI. 

47%
Porcentaxe de veciños da cidade que falaba maioritariamente galego a principios de século. 

52,1%
Ourensáns que falaban sempre en galego no 2003.

32,2%
Ourensáns que falan galego sempre agora, segundo os datos publicados en 2019.

Te puede interesar