Aínda que as películas son as verdadeiras protagonistas do Festival de Cine de Ourense, 42 persoas traballan arreo estes días para que as cintas non fallen e os ourensáns gocen da oferta preparada para eles.

A maquinaria do voluntariado

Parte do equpo de Comunicación traballando na oficina do OUFF. (Foto: FOTOS: MIGUEL ÁNGEL)
Son, en total, 42 persoas as que velan por que a XVII edición do Festival de Cine de Ourense transcorra segundo o previsto, minimizando o espontáneo e poñendo en práctica a folla de ruta planeada. A engranaxe é sólida: oito departamentos con cadansúa función ben definida. Uns complementándose cos outros e estes dándolle apoio ós primeiros. O proceso comeza e remata na oficina do OUFF, dende onde miran cara ó Auditorio o primeiro e último días e cara ás salas do Cinebox en cada proxección.
As películas son as verdadeiras protagonistas do certame cinematográfico ourensán, pero nin se traducen, nin se subtitulan, nin se programan soas. Esta maquinaria precisa de 16 persoas na sede do festival e 26 voluntarios supervisando cada sala, cada película e cada billete de entrada.

O departamento que conta con máis persoal é o de comunicación, constituído por catro persoas, das cales tres son bolseiras. Dende alí saen as notas de prensa, a organización dos eventos, o mantemento das redes sociais e o blog oficial do OUFF, no que dan conta diaria de cada novidade e acto programado. Pero tamén desenvolven dende alí a xestión dos asistentes convidados.

Antes de que o proceso de organización do certame chegue ata o punto da súa posta no dominio público, os traductores teñen moito que aportar. Son tres, entre eles un bolseiro, e, como indica a súa denominación, encárganse de facer comprensibles para a maioría dos ourensáns as películas programadas, boa parte delas procedentes de países árabes ou da Europa do Leste.

Preto deles traballan os tres membros de Producción. O seu labor está presente en boa parte do proceso organizativo e programático, de xeito que supervisan o subtitulado, o son e a imaxe, pero non descoidan tampouco o resto do evento global. Pechan filas na oficina os rostros que viven de xeito permanente detrás das cámaras, en fotografía un e en vídeo o outro.


OS VOLUNTARIOS

O Festival de Cine de Ourense precisa aínda dunha perna máis para manterse en pé. Cada ano, varias decenas de voluntarios fan garda nas portas das salas de proxección, supervisan os postos informativos e asegúranse, in situ, de que todo marcha. Nesta ocasión, son 26 os distinguidos por camisetas de cor laranxa e proceden, na súa maioría, do ciclo de Producción Audiovisual do CIPF A Farixa, que hoxe en día estudan para poder desenvolver as súas vidas laborais preto da sétima arte e comezan, coa súa participación no certame, a aproximarse a ela.

Restan, deste xeito, unha persoa na área de Documentación, outra na de Coordinación e unha máis na de Informática, ademais do traballo de Diego López á fronte do departamento de Administración. 'E tamén está Cesar Silva (do comité de programación), que nos bota unha man fundamental', explican dende o departamento de prensa.

A oficina do Festival de Cine de Ourense é un espazo completamente aberto distribuído en dous pisos. As mesas de traballo están, deste xeito, interconectadas e o bo ambiente é unha tónica dominante a diario. Aínda que, como explica o informático Artur Rodríguez, 'hai días moi tranquilos e outros nos que nada funciona', na sede principal do OUFF respírase compañeirismo.

Te puede interesar