ARTE ET ALIA

Mar Caldas e Lola Figueiras, arte e feminismo

duas_das_obras_de_mar_caldas_result
photo_camera Dúas das obras de Mar Caldas.

Imaxes, xestos, voces é a exposición que Mar Caldas trae á sala Alterarte, no Campus, na que reúne obras súas dende a segunda metade da década dos anos 90

Imaxes, xestos, voces é a exposición que Mar Caldas trae á sala Alterarte, no Campus, na que reúne obras súas dende a segunda metade da década dos anos 90: a máis antiga é ‘Se voçe me abrir, nao esqueça de me fechar’, dos anos 1996-1997, dúas grandes imaxes fotográficas do seu corpo con maillot, aberto/pechado; ‘Para empezar’, a vindicación de xénero dende a cabeleira de muller trasquilada e cos rizos para enviar polo mundo adiante por correo postal... e da serie ‘A entrega’ unha foto en gran tamaño dunha parella bicándose, que non positiva, e semella unha radiografía. 

Un video é ‘striptease literal’, de 2004, unha descripción dende un texto, a xeito de inventario-denuncia... A derradeira das obras é unha performance en video, ‘Fera engaiolada’, 2006/1016, unha muller que se move con xestos enérxicos sen conseguir erguerse. Eis toda ela unha visión práctica, e mesmo teórica da reivindicación feminista, feita con tons serios e graves, e tamén algo de ironía. O modo de proceder seu foi revisar proxectos anteriores e desenvolvelos para os tempos de hoxe, salientando ela que a meirande parte das obras "non foran expostas anteriormente ou só o fixeran dun xeito parcial e esbozado". O feminino como discurso nunha praxe feminista na que a mensaxe corpo/sexualidade, animalismo/machismo se presenta explícito. 

O profesor Xosé Manuel Buxán, desta volta o curator dela, salientou que “nun momento tan terrible e estraño como o actual, máis que nunca volven a ser necesarias cousas esenciais como reivindicar a igualdade de xénero”. Como director de Alterarte, Buxán procurou unha vez máis que a exposición de novembro esté dentro do marco do Outono Fotográfico, como unha proposta máis das do Campus, malia integrarse no Plan xeral da Universidade ‘Estado Crítico 10 curadores dez artistas’. A profesora viguesa Mar Caldas leva anos inserida dentro do movemento de vindicación feminista, onde hai literatas e artistas, e ten feito outras exposicións caso de ‘Boas pezas’ de 2007 ou ‘Genealogías feministas en el arte español, 1960-2010, en 2012 no MUSAC, León. 

Lola Figueiras

A pintura é para ela unha nova técnica, que emprega aquí, na sala pequena do Centro Cultural da Deputación á par que fotografías, que amosa por vez primeira. Abonda con dicir que está a comezar un percorrido, que ten a síua orixe nas acuarelas. Esta asturiana de mediana idade e porto de mar, inqueda e sensible, está asentada en Ourense, onde traballa, dende fai uns lustros. 

Pintura dende as ensinanzas de Ana Castro Rey, e a fotografía, o seu complemento aquí, que pon á altura daquela tamén dende o tamaño, ademáis da coincidencia tonal e temática, que é a mar no lusco e fusco, nunhas gamas cromáticas mínimas e tons regulares o que ofrece. Intenta así unha expresión que tenta conseguir un ambient lounge, de relax, cos seus azuis griseiros. A elo chámalle ‘Poemas visuales’, que noutra exposición anterior era ‘Atrapando sueños’. A danza e o ballet, a representación teatral, os libros de contos, un afán volcado na pedagoxía cara os nenos, apasiónana.

Te puede interesar