Respaldan esa estratexia de tentar unir a PP e PSOE?
Traballamos de maneira coordinada neste senso, co noso voceiro municipal, a nivel autonómico e nacional. A nosa postura é clara. Levamos traballando desde o inicio en ser prácticos e proactivos. Conseguimos sentar na mesa aos dous partidos porque son os que teñen a solución. Penso que conseguir que sentasen a dialogar e falar foi xa un éxito. Pensamos que así se sentan as bases para un mellor futuro para Ourense.
Hai unha liña vermella co BNG?
O obxectivo prioritario é desbloquear a situación que se está a vivir en Ourense, cunha crise institucional que non deixa quitar adiante os proxectos vitais para a cidade. Neste escenario, participariamos no goberno ou quedando na oposición de maneira responsable. Temos claro que temos estar sentados todos aqueles partidos que representamos o sentir da maioría da veciñanza de Ourense, porque así o decidiron nas urnas. Ten que primar o entendemento.
Cidadáns debería esixir estar no goberno?
As negociacións están abertas. Estamos falando entre tódolos partidos. Cremos que un acordo entre PP, PSOE e Cidadáns representaría unha gran maioría do sentir dos cidadáns de Ourense O que si temos claro é que para o que queda de mandato ten que haber eses 14 votos ou máis para que as cousas funcionen. A cidade non pode seguir paralizada e nun bloqueo permanente.
Contemplan un goberno en minoría do PSOE?
Os gobernos en minoría xa vimos en que resultaron dando. Non se pode perder máis o tempo, e máis na pandemia que estamos a vivir, que azoutou a Ourense de forma significativa. Temos que poñer o acento nas necesidades dos cidadáns . É preciso un goberno amplio que dea estabilidade.
Quen é o culpable?
Non somos xuíces para repartir culpas, pero está claro que as decisións que se tomaron non foron as máis acertadas, xa que se deixou unha crise institucional sen precedentes. A prioridade na axenda de calquera político debe ser sentar e atopar unha solución.