MounQup: "Este disco lembra por que me gusta tanto vivir no quinto cu de Galicia"

Camille Hédouin, MounQup.
photo_camera Camille Hédouin, MounQup.
A artista afincada en Saumade publica "Aquelarre", un disco co que marca un punto de inflexión na súa carreira

Camille Hédouin é MounQup, unha artista que hai anos deixou o seu Nantes (Francia) natal para asentarse na pequena aldea ourensá de Saumede. Esta “artesá” do son publica disco: “Aquelarre”, un punto de inflexión na súa carreira con temas nos que a natureza é protagonista. O ferro do seu sacho, o lume da película “O que arde”, a auga do río próximo á pequena aldea alaricana na que agora vive… Todo se mestura coas letras desta aposta “electrónica rural” que sairá en tódalas plataformas o 26 de novembro. Polo de agora, xa se pode escoitar un primeiro adianto: “A Cinza”, un tema composto tralo lume que queimou o seu fogar.

 Cal é historia de “A Cinza”, o tema que compuxo tralo incendio da súa casa? 

Fai dous anos deixamos unhas cinzas na estufa e cando volvimos a casa estaba ardendo. Durante o confinamento, tivemos que cambiar de casa para rehabilitar a anterior e, á vez, había un mundo parado polo “bicho”. Entón, unhas cousas que parecen inofensivas e débiles como unhas cinzas ou o “bicho” pódenche rebentar a vida. É o tema da revolución da natureza sobre os humanos que se cren superiores. 

Este disco é un punto e á parte na súa carreira musical?

Si, é un exorcismo e unha purificación. O incendio foi a parte fácil. Pero un ano despois separeime, encontreime sen casa, tiven que mudarme… Todo foi unha merda. E sen traballo porque non hai concertos. 

Recentemente presentou os seus temas novos no concerto que deu Dorian en A Coruña. Empeza a moverse o traballo?

As cousas hai que movelas. Hai que insistir, insistir e insistir. É o que estou facendo.

Por que “Aquelarre”? Necesitaba esa “purificación”?

Si. Hai varias versións do que quere dicir o aquelarre. Un tipo díxome que era un encontro de demos masculinos no País Vasco. Pero unha colega, Belén de Andrade, díxome que era a xuntanza das mulleres que botaban fóra dos pobos. Rexeitadas. Acabou dicíndose que eran bruxas, pero entre elas pasábano moi ben e desfrutaban. Nas principais “feridas” que se nomean en psicoloxía está o rexeitamento. Eu penso que dá igual a parte do mundo a onde vaia, sempre serei a estranxeira. Sempre son a rara, pero eu pásoo ben. 

Segue en Saumede?

Non, cerca de Allariz atopei unha casa nunha aldea pequena e vaime moito mellor. Allariz mola. 

En Saumede atopara inspiración para compoñer. Na nova aldea tamén axuda a natureza?

Nesta casa fixen catro ou cinco temas do disco. A natureza é o que máis me inspira, este disco está baseado na natureza e nos ruídos que atopo. Este disco é para lembrar por que me gusta tanto vivir perdida no quinto cu de Galicia. Maioritariamente é polas vistas, polos bosques salvaxes e a sensación de liberdade, que non ten prezo. Nunca sería capaz de volver a unha gran cidade. 

A que soa a natureza que atopa?

Hai un tema feito con ruídos de pedra, outros son percusións co ruído do río, de gotas de choiva, o ferro das miñas ferramentas, dos sachos, a estufa de gas… Para o tema do lume, Oliver Laxe pasoume os sons da súa película “O que arde”. Tamén soa a madeira de cando machaco un tronco.

Te puede interesar