A programación do evento, incluido na FITO, conterá mesas redondas, ou presentacións en torno ao xénero
O III Encontro de Mulleres Creando, enmarcado na Feira Internacional de Teatro en Ourense –celebrarase entre o 9 e o 19 de outubro–, ten como fin reunir a diferentes creadoras para "contruír un espazo de intercambio artístico, divulgación e estudo da creación escénica das mulleres nas súas múltiples facetas". O encontro, que terá unha duración de tres días, comezará o venres 13 de outubro.
A programación do primeiro día inclúe unha primeira reflexión centrada en aspectos como "A Cultura e o Xénero. Políticas de Intervención" e na que intervirán Alexandra Frenández (En Marea); Noa Presas (BNG); Carmela Silva (PSOE); Teresa Egerique (P.P.) e Ánxeles Cuña Bóveda (En Marea). A continuación, unha mesa redonda baixo o nome "O xénero en escena". E, para pechar a xornada haberá unha demostración de poesía visual da mán da poeta e actriz Graciela Vaquero.
O sábado 14 de outubro, abre o programa a mesa "Antifeminismo e creación" na que interveñen a xestora cultural, Ania González; a ensaísta e filósofa, Rebeca Baceiredo; a poeta e ensaísta Oriana Méndez e a investigadora Mar Cendón. Seguida doutra mesa redonda baseada na creación feminina e, para rematar, un espectáculo chamado "Tal como viñemos".
A programación do terceiro día inclúe unha mesa de reflexión para indagar no papel que xoga a imaxe da muller na literatura galega e internacional, entre outras.