Música, xogos e cánticos para concienciar na defensa do galego

Os nenos gozaron onte de xogos populares na Praza Maior.
photo_camera Os nenos gozaron onte de xogos populares na Praza Maior.

A chuvia non impediu que máis de mil estudantes de 17 centros educativos saísen onte ás rúas de Ourense para defender o uso do galego baixo o lema: “Dende aquí até acolá, galego xa!”. Pasadas as 10 da mañá, o alumnado do IES O Couto comezou a ler un manifesto redactado nos obradoiros “Desata a lingua”, impartidos o pasado 2023 polas escritoras María Lado, Ana Carreira e Lucía Aldao. Durante o acto, presentado pola actriz Isabel Risco, os escolares tamén cantaron e presenciaron a actuación de A Mekánika Rollin Band, premiado nesta edición do Cantalingua.

Ao mesmo tempo, os estudantes gozaron na Praza Maior de xogos populares, como pasar por baixo da corda ou lanzamento de argolas, e dun concurso de pancartas ao redor do lema escollido nesta vixesimocuarta edición. Na organización do entretemento, foi clave a colaboración do alumnado dos ciclos de Animación Sociocultural e Dependencia do CIFP Portovello e dos monitores da Asociación Xuvenil Amencer.

Tras a lectura do manifesto e a realización de xogos, o alumnado intercambiou a media mañá a súa localización mediante un paseo reivindicativo polas rúas do centro histórico cheo de cánticos reivindicativos para concienciar na defensa do galego.

Te puede interesar