CULTURA

O outro Carlos Casares

Naceu en Ourense, escolleu Vigo como segunda terra e leva o mesmo nome que o autor das Letras Galegas, pero nunca foi literato senón enxeñeiro industrial. Eso si, o destino vencellouno ao escritor que dirixíu Galaxia. 

Carlos Casares mostra o libro adicado polo seu “tocaio” nos anos setenta.
Carlos Casares mostra o libro adicado polo seu “tocaio” nos anos setenta.
O outro Carlos Casares

Con dez anos de diferencia naceron en Ourense este dous Carlos Casares. O primeiro fíxoo en Xinzo en 1941 e o segundo na capital, en 1951. Nos setenta ambos coincidiron na mesma urbe, Vigo. Levar o mesmo nome cun xa daquela coñecido escritor, procuroulle a Carlos Casares Penelas varias anécdotas, que garda con agarimo.

 

 

Veciño da zona centro, lembra a primeira vez que se atopou co escritor. O encontro tivo lugar na Feira do Libro, que se organizaba na Praza de Compostela, o escritor estaba asinando exemplares nunha caseta: “Tería eu uns 20 anos, comprei un libro e achegueime, cando lle dixen son Carlos Casares, ‘non Carlos Casares son eu’, ‘eu tamén’, contesteille e fíxome unha boa adicatoria”. Así, na primeira folla de “Os escuros ollos de Clío” (1979), de Edicións do Cerne, o literato redactou: “Para o outro Carlos Casares, deste Carlos Casares, que forzosamente ten que ser amigo seu”.

Mais o fado aínda lle gardaría dúas xuntanzas máis. “Un día cheguei a casa e atopeime cun paquete de libros, enviáranos unha administración e eran os participantes nun concurso literario do que Carlos Casares formaba parte do xurado; vin que non era para min e chameino á editorial”. Estaba agardándoos, pero non chegaran por un erro ao procurar o enderezo . Meteunos no coche e levounos ata a Alameda, onde compartiron un café.

A última anécdota que une a estos dous vigueses de adopción aconteceu alén das fronteiras: en Alemaña´, na década dos 80. “Voltaba nunha viaxe de traballo; daquela non había móbiles e entrabas amosando o DNI no mostrador; pero a azafata non me quería deixar pasar porque aseguraba que o pasaxeiro co nome Carlos Casares xa embarcara; ao cabo amosamos que éramos dúas persoas distintas”.

Estas tres situacións ,que non pasan de curiosas anécdotas, poderían ter inspirado calquera das narrativas do de Xinzo. O feito de compartir o nome do autor das Letras Galega non lle ten conlevado, polo de agora, malos entendidos ao enxeñeiro, agás algunha brincadeira por parte das fillas o dalgún amigo. Lector do seu “tocaio”, segue con normalidade os actos en honor de Carlos Casares, escritor.