“Ourense non pode esperar máis, hai que definir xa a integración do ave'

Agustín Fernández, no seu despacho da Alcaldía. (Foto: Miguel Angel)
Agustín Fernández soñaba de pequeno con ser futbolista pero acabou en inspector de Facenda. Casado, pai de dous fillos e avó dun neto, onte convertiuse en alcalde.
Imaxino que non nestas circunstancias pero contaba vostede con ser alcalde?
Se lle son sincero, nunca se me pasou pola imaxinación. É unha honra para calquer cidadán selo pero a verdade que non o esperaba. Son circunstancias excepcionais e imprevistas as que me levan a esta situación, que acepto con responsabilidade e agradecendo o apoio da xente que depositou a súa confianza en min.

Foi difícil lograr a unanimidade dos seus compañeiros de grupo para o seu nomeamento?
En absoluto. Xurdiron certas discrepancias porque vivimos momentos complicados pero, a partir da decisión do exalcalde de que abandonaba o cargo, non houbo dúbida ningunha. Tiña que ser Marga (Martín), pero por motivos persoais non se decidiu a dar o paso e eu fágoo asumindo a responsabilidade para dar continuidade a este proxecto.

Falaba ante os medios que verá reducido o seu salario.
Esto non se pode conciliar co traballo da Axencia (Tributaria), porque o labor de alcalde require adicación total e absoluta, as 24 horas do día. Non é compatible e, polo tanto, deixarei todas as miñas actividades na axencia para ser alcalde. Eso supón, con relación ás retribucións salariais que veño percibindo, unha merma importante, dun 20% máis ou menos, pero o asumo.

E en cifras?
Pode andar cerca dos 1.500 euros ó mes.

Cre que compensa?
O diñeiro non o é todo na vida e, dadas as circunstancias e os retos que temos diante, o compromiso que un asume cando se mete nesto, suceda o que suceda, hai que levalo adiante.

Pensa dar continuidade o labor do seu predecesor?
Ten que saír no día a día. Cada un ten que poñer enriba da mesa a súa impronta e o seu carácter. Todos somos distintos. Eu son un profesional experto nunha materia económica e Paco é unha persoa de perfil máis cercano, porque era profesor. Pero con independencia de que, queiramos ou non, dareille outra impronta a este goberno, non hai dúbida de que o proxecto continúa. Estou aquí dende o 2007 e xa o temos entre mans dende hai cinco anos. Temos que levalo adiante porque hai obxectivos fundamentais.

Como os concretaría?
Poreime en contacto coa ministra de Fomento, Ana Pastor, para ver se á fin conseguimos fixar claramente como vai ser a integración do AVE. Asumimos que as circunstancias son difíciles e pode haber un retraso, pero hai que definir xa o proxecto e poñelo en marcha. O que non pode é estar parado. Ourense non pode esperar máis, débese definir xa a integración, con soterramento ou sen el, pero sexa cal sexa a decisión política e técnica, ten que arrancar xa. Outras cuestións que me parecen importantes é a aprobación do Plan Xeral porque é esencial para desenvolver a nosa cidade, e o transporte metropolitano .
Apoiaría no AVE outro proxecto que non fora o de Foster?
Creo que se nós defendiamos unha posición, que era que o soterramento non era posible tecnicamente e, ademais, hai un proxecto adxudicado, o razoable, o menos costoso e o que axilizaría as obras sería facelo desa maneira. Pero dende o meu punto de vista, se o Goberno actual está disposto a soterrar e é tecnicamente posible, estariamos dispostos a apoialo sempre e cando se decida con rapidez e non supoña retraso na execución das obras.

Entrará o BNG no goberno?
Creo que a partir das conversas que manteñamos, estou convencido de que o BNG vai formar parte do noso goberno. É unha opinión persoal e un desexo.

Houbo contactos?
Contactos houbo pero para falar da investidura, na cal agradezo o apoio para que houbera un goberno de esquerdas. En todo momento asumiuse ese compromiso de que teremos conversas inmediatamente, pero sempre con ese elemento temporal: despois das eleccións concretaremos o futuro do proxecto político. Traslado que o meu obxectivo é que o BNG se integre no goberno.

Reeditarían o pacto ou comezarían de cero?
Na miña opinión, todo é posible. Pódese continuar, aproveitando a experiencia de cada concelleiro nas súas áreas, pero tamén pódense adoptar outros acordos, na medida en que tamén hai outros concelleiros.

Esperará polo BNG para adxudicar as áreas que deixaron pendentes e as que tiña vostede?
Quero adicarme a un labor de Alcaldía, de coordinación, de estar cerca da xente, pero necesito estes primeiros momentos para tomar a decisión. Se nalgunha das áreas que eu asumo, vexo que require moita adicación no día a día ó mellor se pode adoptar algunha decisión transitoria, pero verémolo nos próximos días.

E as tenencias de alcaldía?
Tenente de alcalde hai que nomear. Mentres non haxa unha decisión definitiva sobre a incorporación do BNG, nomearei tenente de alcalde.

Sabe xa a quen?
Non. Creo que o tenente de alcalde debe seguir o orde da lista (do PSOE), pero é unha decisión que non teño tomada. Hai que valorar as competencias de cada un e falar con eles. O meu desexo é que haxa máis de un.

Incluso co BNG?
Cando estea o BNG, falaremos da situación.

Como pensa mellorar a relación coa oposición?
A ninguén se lle escapa que as relacións están crispadas e son moi tensas. Dixen con total honestidade que lles tendía a man para buscar unha relación máis fluida e penso reunir ós portavoces a maior rapidez posible. A miña idea é que falemos máis dos problemas dos cidadáns e dos proxectos e olvidarnos dos ataques persoais.

Manterá o persoal de confianza e, especialmente, á súa filla?
Imos ver nestes días o equipo que vai levar as rendas do goberno, o equipo de confianza que apoiará ó alcalde, ó goberno e ós grupos políticos. O proxecto é de continuidade e creo que o grupo debe manterse unido pero é unha decisión que se tomará nestes días.

Te puede interesar