O Volter e a Taberna O Tucho foron homenaxeados nun roteiro por algúns artistas da cidade

Ourense rega a memoria dos gloriosos días dos seus cafés

Aguileta e Monxardón trasladan o letreiro de madeira de O Volter polas rúas de Ourense. (Foto: JOSÉ PAZ)
O aire cultural que atrapou o Ourense dos 'artistiñas', e que deu a espazos coma O Volter ou a Taberna O Tucho os seus días de gloria máis fermosos e inesquecibles, tivo onte un emotivo acto de memoria. De mans da Fundación Carlos Casares, o Centro PEN Galicia e a Fundación Vicente Risco, homenaxeáronse aqueles días nos que a cultura espallábase en tódalas direccións, sen muros, até alcanzar os recunchos máis agochados e segredos de cafés e as tabernas.

O programa de actividades comezou arredor do Muro de Antón Faílde, na rúa dos Remedios. Ás 18.00 horas unhas emotivas verbas, pronunciadas diante dos familiares do artista, incluído o seu fillo, Miguel Ángel Faílde, abriron o roteiro. Este ía percorrer lugares claves do Ourense do século pasado, baixo a animación dramática da Escola Municipal de Teatro de Ourense.

A segunda etapa esperaba polos participantes no balcón da Casa de María Andrea, na praza de Eirociño dos Cabaleiros. Dende alí arriba, Manolo Blanco, Delfín Caseiro e Teresa Devesa recitaron algúns dos poemas que figuraban las históricas paredes do Volter. As voces vibraron sobre un fondo musical interpretado en directo por Susana Blanco Novoa. A homenaxe culminaría no Liceo de Ourense, ás 20.00 horas. Aí agardaba un faladoiro que contou con invitados sobre os que descansa a memoria cultural de Ourense. Alí estaban Manuel Buciños, Augusto Valencia, Arturo Baltar, Acisclo Manzano, José Antonio García, Bieito Iglesias, Vicente Fontenla, Alberto Almeida Rebollo e Afonso Vázquez Monxardín, coordinador do acto.

Te puede interesar