ORZAMENTO

O PP ve "deixadez" no goberno de Barbadás co orzamento de 2019

Consideran que é unha mostra de "total irresponsabilidade"

O PP ve "deixadez" no goberno de Barbadás co orzamento de 2019

O PP de Barbadás criticou a "deixadez" do goberno municipal por non ter elaborado "nin o borrador dos orzamentos de 2019" , algo que consideran que é unha mostra de "total irresponsabilidade". Así o manifestou a portavoz popular en Barbadás, Consuelo Vispo, que o achaca a que PSOE e BNG "parecen ter asumido que non van ser eles os que os xestionen". 

Os populares de Barbadás suxiren que o goberno bipartito non ten expectativas de volver gañar, polo que se ve "nas críticas da veciñanza e as división internas que lles afectan desde hai tempo". Vispo sinalou a "deixadez" e "bloqueo" do goberno local e anunciou que no pleno deste luns esixirá explicacións.

O PP ve "incapaz" ao alcalde por "non ter presentado a estas alturas nin un simple borrador das contas", e advirte de que isto  pode xerar "graves consecuencias" para o Concello, como o "bloqueo" da xestión diaria ou a ralentización ou impedimento de futuros investimentos.

Vispo cre que se demostra "ineptitude e desidia" do grupo de goberno e, ante iso, pedirá explicacións no pleno deste luns, ademais de esixir un decreto de prórroga dos orzamentos do ano 2018.

Por último, o PP pedirá tamén que o interventor elabore un informe sobre o estado no que se atopan as partidas orzamentadas e as afeccións dunha prórroga.