TRIBUNA

A praza de San Cosme e San Damián

praza_resultado
photo_camera Praza de San Cosme e San Damián, coa capela ao fondo.
O 24 de decembro de 1980 foi recuperada e rehabilitada a capela de San Cosme e San Damián adicándoa ao famoso “Belén”

A Praza de San Cosme e San Damián forma parte do casco vello propio da Idade Media ourensá, coñecida como “Fonte Arcada”, a antiga, da que se descoñece cal foi o seu emprazamento exacto. Ela distribuía a auga á cidade encanada en tubo de barro. Aparece documentalmente no ano 1223; foi reparada en 1434 e en 1515, neste segundo caso foi o tasador dos materiais Rodrigo de Badajoz, que tamén construía o cimborrio da catedral.

Unha das portas da cidade que tiña este nome está documentada en 1393; separaba á rúa Hernán Cortés (antiga Pena Vixía) da praza de San Cosme. Na súa torre estivo a cadea de Auriabella durante séculos. En 1326 estaban pegadas unha casa e a Torre. No século XV (1437) pertencía ao Concello, pasando a particulares e volvendo, novamente, a mans públicas a mediados do século XVI, aplicando as medidas pertinentes para non perdela.

A fonte moderna, posterior ao ano 1977, ocupa o centro da praza; o escultor Antonio Failde coroouna cunha escultura de temática eminentemente infantil. 

Un feito socialmente luctuoso, un pavoroso lume, acaeció o ano 1883 ás once da noite do 12 de xullo a un edificio na praza de San Cosme. Narrouno José Adrio Menéndez no libro “Del Orense Antiguo”:

"O lume, que desde os primeiros intres tomou grandes proporcións, ameazaba destruir varias vivendas.

"Unha acta municipal daquela data, ocupándose do sinestro, di así: '... adquiríronse para transportar auga 24 olas de barro e unha libras (!), e se romperon 11 tubos e perdeu un depósito dous faroles de alumado público”.

"E no mesmo documento se consigna um voto de grazas por 'o valor e heroísmo ante o perigo tan inminente a atallar os progresos do lume para D. Lino Iglesias, D. Manuel Montes e D. Inocencio Fernández, este último, Cabo da Garnición'.

"O servizo de incendios puxo de manifesto as súas grandes deficiencias; e en vista disto encargou ó Concello á Comisión de Policía Urbana formase un Regulamento para organizar unha Compañía de Bombeiros, e propuxera a compra do material que xulgase indispensable para o mellor desempeño do seu cometido”.

A praza debe o seu nome á capela de estilo renacentista de San Cosme e San Damián, patróns dos médicos, construída polo prestixioso mestre cirurxán alcarreño Juan de Lares e a súa esposa, Teresa García de Noguera, no século XVI (1528), nun solar que o Concello lle cedera en 1521. Tiña un hospital anexo ubicado á dereita. A arquiveira Olga Gallego informou que “nesta ermida traballou o canteiro Jácome de Moure de oficial, que, en 1581, tiña 100 anos. Era avó materno do escultor Francisco de Moure e traballou tamén na fachada e torres da igrexa da Trinidade, na igrexa de S. Francisco e na ponte da Burga”.

A súa fachada plateresca vai rematada en piñón triangular, posuindo á súa esquerda un pequeno campanario; a porta ten un arco carpanel, con esculturas baixo dosel nos laterais. A da dereita representa a un home cun lagarto saíndo da boca, e a da esquerda, outro home sentado co xeonllo descuberto. A clave recolle a representación dos santos titulares da capela e, nos ángulos, os escudos do fundador. Anos despois pasou a mans do Concello capitalino.

Trascorría o ano 1967 cando a Asociación de Belenistas de Ourense encargou a Arturo Baltar a construción do “Nacemento”, que foi crecendo ano a ano. Comezou ser exposto cada Nadal na Catedral e no Museo Arqueolóxico. O 24 de decembro de 1980 foi recuperada e rehabilitada a capela de San Cosme e San Damián, adicándoa ao famoso “Belén” e ao “Espazo expositivo”, este aberto en 2010 coas pezas donadas polo artista á cidade e que se exhibe de maneira permanente. O museo está composto por máis dun cento de figuras de barro cocido e cadros cunha beleza, policromía e plasticidade que plasman esceas, retablos tradicionais do agro galego e unha sociedade antiga como a Natividade, a Botica, a Rebotica, o Traslado do Apóstolo, os xogos dunha praza, o forno, o fotógrafo ambulante…, unha Taberna semellante á que relatou Eduardo Blanco Amor na novela “A esmorga”. O conxunto viuse complementado cós frisos de Xaime Quessada e os de Virxilio. O Concello de Ourense, cada ciclo festivo do Nadal, o inaugura con concertos populares, festivos e unha boa iluminación.

belen_resultado

No “Espazo expositivo”, Arturo Baltar plasma unha desas moitas tabernas que menciona na novela e, nela, os seus protagonistas, Cibrán, Bocas e Milhomes, aceno de admiración do escultor Arturo Baltar á obra “A esmorga”, de Eduardo Blanco Amor.

Blanco Amor, en “A esmorga”, centrou na praza de San Cosme e San Damián a terceira parada novelesca, provindo da fonte das Burgas. A praza conten o seguinte texto: “Na Fonte de San Cosme bebemos a morro uns grandes grolos de auga da pía que nos fixo valeirar de alí a pouco todo canto tiñamos dentro...” E continuaba: “Todos tres, con premiso da sua cara, trouxamos coma cas fora a ialma, e co iso fóisenos indo a pesadeza i escomenzamos a nos poñer ledos como rapaces sen sabere porque...”

 Cibrán, Bocas e Milhomes beberon na antiga fonte, non na nova, e, de seguido, foron pola rúa Hernán Cortés (asi se chamaba), ata a Pena Vixia actual. 

Esta praza representa o final do conxunto do casco antigo ourensán e o nacemento dun urbanismo actual e moderno ben diferenciado. Ben paga a pena pasearse repetidamente por ela. 

Te puede interesar