E Rosalía volveu nacer

photo_camera Xosé Lois González, na celebración do acto de homenaxe a Rosalía de Castro no Liceo. (XESÚS FARIÑAS)

A obra e figura de Rosalía de Castro seguen vivas e de actualidade. Así se reflectiu onte durante a celebración do seu Día, que tivo como acto máis salientable o organizado no Liceo polo grupo Rosal Auria. 

Nos autobuses, nas bolsas do pan, en marcapáxinas repartidos polo Casco Vello, nos colexios e ata en murais, a figura de Rosalía de Castro foi onte omnipresente na cidade. Cumpríanse 177 anos do seu nacemento e Ourense volcouse co xa constituído como "Día de Rosalía", que arrincou no colexio da Ponte, xunto o graffiti que rende homenaxe á escritora. Tamén a Corporación municipal tivo un acto de lembranza para Rosalía, ó que asistiron representantes de todos os grupos políticos agás Democracia Ourensana. A concelleira de Cultura, Ana Garrido, foi a encargada de ler a declaración institucional que salientou a significancia desta muller para a literatura galega e universal.

Nembargantes, foi polo serán cando a figura de Rosalía tomou a cidade. Na Praza da Estrela, unha exposición organizada pola Bela Auria recolle a iconografía da escritora. Trala inauguración da mostra, os asistentes fixeron o percorrido dende esta praza ata o Liceo repartindo marcapáxinas que convidaban ós ourensáns a sumarse ó acto que, ás oito da tarde, centrou as homenaxes da cidade á autora de Cantares gallegos.

Organizado polo grupo RosalAuria, que abrangue a distintos colectivos, e presentado por Xosé Lois González, o evento subliñou a importancia da obra rosaliana pero tamén da muller que hai tras ela. Unha muller que, "sen renunciar á expresión do íntimo, emerxe como a intérprete máis veraz dos nosos dramas colectivos en canto nación e pobo", tal e como a define o manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega, lido tamén durante a homenaxe, que buscaba manter viva a esencia de Rosalía máis alá dun día ó ano. "Queremos que os seus versos nos invadan, fender con eles o silencio administrativo dos poderosos. A súa teimuda indiferenza", rezaba o manifesto. A forza de Rosalía e dos seus versos chegou ós asistentes ó acto a través do recitado libre incluido no programa.

Pero o Liceo non foi o único lugar onde se escoitaron os textos de Rosalía e foron moitos os centros educativos que tamén quixeron lembrar a súa obra, como foi o caso de Salesianos, Miraflores ou A Ponte, entre outros. 

Te puede interesar