Ás carpas electorais súmanse as obras no Banco de España, os cidadáns e os 'manteros'

A rúa do Paseo énchese de actividade política

Os coches buscan avanzar por un Paseo cheo de viandantes e propostas da campaña electoral. (Foto: Martiño Pinal)
Se hai alguén na cidade que pretenda permanecer alleo a toda a tolemia da campaña electoral, o mellor consello que pode tomar é o de non achegarse á rúa do Paseo. Esa mesma pauta deberá seguila o pouco amigo do xentío. Durante esta semana, a vía, especialmente no tramo que vai dende o Banco de España ata a Delegación de Defensa, está chea durante a práctica totalidade do día.
As músicas e mensaxes das carpas de BNG, PP e PSOE, máis o espazo que reservan o Pum+J e incluso EU, enlazan os pasos dos cidadáns a medida que se dirixen ó Parque de San Lázaro. No trasfondo, os clásicos sons dos músicos de rúa prometen unha calma que non dá chegado. Entre carpa e carpa electoral, os 'manteros' non deixan de ollar cara un horizonte próximo buscando ese coche co rótulo de Policía Local que os obrigue a recoller a mercancía.

Se toda a infraestructura que estes días hai despregada na rúa do Paseo obriga ós viandantes a camiñar nun espazo máis reducido do habitual, os coches aínda sofren algo máis. Abandonar a rúa da Concordia para introducirse no aparcadoiro é media aventura, pero tratar de percorrer a distancia ata Bedoya é xa unha ousadía completa. Os furgóns de reparto topan fronte a eles ós das obras do Banco de España para, máis adiante, tratar de esquivar a outros que levan banda sonora incorporada. Ademais de música, os políticos reparten as súas promesas en papel. Promesas que os paseantes coleccionan ata chegar ó final da rúa. As eleccións protagonizan tamén as conversas destes últimos. Hai quen opina, claro, que 'hoxe ata nos dan bicos, pero mañá nin miran para nós'.

Te puede interesar