UNIVERSIDAD

A UVigo aposta pola muller co catálogo "Quero ser investigadora 3"

Unha conversación con María José Vázquez Figueiredo e Pino Díaz Pereira, investigadoras da UVigo. Dous das protagonistas do catálogo "Quero ser investigadora 3", promovido no marco do plan de Ciencia de Ida e Volta

Visibilizar o traballo das investigadoras e ofrecer referentes actuais, especialmente entre as persoas máis novas, son dous dos obxectivos da Universidade de Vigo coa publicación do catálogo Quero ser investigadora 3. Esta publicación, financiada pola FECYT, forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades 2022/2023 da Unidade de Cultura Científica da UVigo.

Este volume ilustrado conta a historia de dez investigadoras. Dúas delas son María José Vázquez Figueiredo e Pino Díaz Pereira, ambas investigadoras e docentes na facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. 

Neste catálogo compartides as vosas historias no mundo da investigación. Como decidistes que queriades ser investigadoras?

María José: No meu caso particular, a idea emerxe na infancia. Non tanto como investigadora, senón pola necesidade de buscar a miña liberdade e independencia económica como muller. Entendía que tiña que pasar necesariamente pola universidade, formarme e ter un emprego que me dese esa independencia. E unha vez que finalicei os meus estudos, a través dunha pregunta que me repetía constantemente e que foi a liña básica que seguiu toda a miña investigación, que era saber por que unhas persoas son violentas e outras, non. Ese foi a orixe e a motivación do meu interese por adquirir coñecemento nese ámbito concreto.

Pino: No meu caso, a traxectoria e o disparador ou a motivación é diferente. Creo que non podo situar nunha única causa nin momento esta toma de decisión. Foi máis ben un cúmulo de circunstancias que foron acontecendo, fundamentalmente vinculadas á miña vocación como docente. Gústame moito observar a aprendizaxe da persoas e axudarlles neses proceso de crecemento. E nese proceso de ser docente de persoas adultas, vinme na necesidade de desenvolver unha carreira investigadora porque é un requisito imprescindible para poder ser docente na universidade. 

Unha nena soña con ser investigadora ou é un interese que se vai desenvolvendo?

María José: A min de pequena gustábame observar, analizar, saber por que os grupos se comportan de determinada forma e cales eran as súas motivacións. Pero detrás dese pensamento e esa análise, unha nena non pensa que quere ser investigadora, senón que é curiosa en canto ao funcionamento social. A min interesábame moito coñecer que había detrás das decisións de formación de grupos e, inevitablemente. analizaba esas cuestións porque me resultaban curiosas e chegaba a conclusións. Quería coñecer o funcionamento e o comportamento social, ese interese non estaba dirixido cara á investigación senón cara a comprender mellor a miña realidade e actuar da forma máis adecuada.

Eu non tiña o interese focalizado na docencia, pero si que tiña interese en coñecer as reviravoltas da conduta humana. Neste sentido, puiden realizar moitas actividades que foron un agasallo e un reto para min. É unha paixón e motívame. Por iso convido a todas as nenas e nenos que queiran indagar por que se produce un acontecemento, que se aventuren a coñecer a ciencia. 

A investigación é unha carreira laboral na que tamén existen obstáculos. Atopástesvos con algunha dificultade na vosa traxectoria?

Pino: Eu tiven a sorte de coincidir na miña infancia con persoas que funcionaban co estilo de formular preguntas e tentar resolvelas en situacións que non eran estritamente académicas. No meu caso, como facía deporte de competición, tiven a sorte de coincidir con adestradoras que dispoñían dunha metodoloxía sistematizada de observación e recollida de datos para a análise de resultados. Non exactamente seguindo o método científico pero si baixo esa premisa da curiosidade. Esa curiosidade pode vir de dentro cara fóra e ás veces vai de fóra cara dentro. María José e eu somos persoas entusiasmadas co noso traballo. No seu caso a motivación é máis intrínseca e no meu, por observación de persoas que funcionaban dese modo e eu admirábaas. A dificultade fundamental de ser investigadora é que é unha carreira de fondo. Hai que manter o nivel de esforzo continuo durante moito tempo. Ver a meta lonxe e ter poucos reforzos inmediatos en calquera conduta pode provocar que decaia a motivación en certos momentos.

Catálogo "Quero ser investigadora 3" de la UVigo
Catálogo "Quero ser investigadora 3" de la UVigo

Precisamente un dos obxectivos do catálogo é animar á rapazada a escoller a carreira investigadora, e para iso fan falta referentes. Que referentes tedes vós?

Pino: As directoras e os directores de teses marcan de maneira moi significativa na formación como investigadora. No meu caso tiven a sorte de ter dous directores, un director e unha directora, aos que debo gran parte da formación que recibín. Eran dúas persoas complementarias. Por unha banda José María Buceta, que é un referente no campo da psicoloxía do deporte, ademais de ser un adestrador de alto rendemento. El estaba a buscar respostas a preguntas do quefacer diario e traballaba en equipo cunha profesora moi meticulosa e exhaustiva, formal en canto á aplicación da metodoloxía científica, e que complementaba moi ben o seu traballo. Por unha banda tiña o polo creativo, que poñía as preguntas sobre a mesa; e pola outra, a parte que resolvía as cuestións de tipo metodolóxico. 

María José: Un referente sen formación académica pero que sempre estaba a innovar e ía un paso por diante do seu contexto social era o meu avó. Foi unha persoa que trouxo as primeiras radios e televisións para casa. A nivel científico, está a miña directora de tese, Francisca Fariña, ademais de todo o equipo no seu conxunto. O da Universidade de Vigo e o da Universidade de Santiago, liderado polo profesor Ramón Arce, que para min é un referente indiscutible dentro da psicoloxía xurídica. 

Falemos do voso labor como investigadoras. Que tedes entre mans nestes momentos?

Pino: A miña liña actual de investigación ten que ver coa avaliación e estimulación da creatividade. A causa son as novas esixencias sociais, vivimos nunha sociedade moi dinámica e cambiante. Eu recibín unha educación máis orientada a buscar a estabilidade cando realmente, hoxe en día, isto pode facer que sufras. Esperamos estabilidade, pero vivimos nun contexto que reclama constantemente cambios. A escola ten a obriga de formar as persoas para adaptarse ao cambio e gozalo. Cómpre velo como unha forma de vida con vantaxes e desvantaxes, coma calquera outra. 

Agora mesmo estamos cun proxecto no que participan varias universidades de Europa, fundacións e ONG de distintos países (Alemaña, Portugal e Italia). O equipo da UVigo está a achegar coñecemento ao resto de socios do proxecto, que serán quen implementen as metodoloxías. En concreto, estes socios traballan con mulleres migrantes con escaso nivel de capacitación, coas que habitualmente se empregan metodoloxías directivas, máis centradas no propio educador que na usuaria. O que fixemos foi elaborar unha serie de metodoloxías inspiradas no Design Thinking, que poñen o foco na persoa vulnerable para que desenvolva competencias para resolver os problemas que lles pode xerar unha situación disfuncional. Ponse o foco na persoa vulnerable co fin de empoderala. De feito todo este coñecemento está dispoñible na páxina https://thinklusion.webs.uvigo.es/, que vos convido a visitar. 

María José: No meu caso, estou a investigar os procesos de separación e divorcio. En concreto, analizamos se a forma en que se abordan pode supoñer un factor de risco para o consumo de substancias aditivas, especificamente os cannabinoides. Esta é unha das liñas que estamos a investigar e coa que queremos comprobar se a forma de xestionar o conflito de forma non adecuada pode repercutir en condutas de risco dos descendentes.

Outra liña moi bonita que estou a iniciar, en colaboración con outro compañeiro, Ricardo Fandiño, é a de comprobar como impacta nos menores o feito de estar separados dos proxenitores por estaren encarcerados. 

E o último proxecto que fixemos este ano está vinculado co impacto da intelixencia artificial no consumo de pornografía por parte dos adolescentes. Sempre tento realizar investigación aplicada nas liñas do grupo e tamén no ámbito da docencia vinculada ás materias que imparto.

Te puede interesar