A romaría 'A Bela Auria' recreou o Ourense dos anos 20 nunha edición adicada á Xeración Nós. Unhas 'xentes de ben', que dignificaron e modernizaron a asoballada cultura galega convertindo a cidade na Atenas de Galicia.

Unha viaxe histórica a carón de Nós

Desfile de época cos cabezudos da Esmorga (Foto: M.A.)
Cando fai exactamente noventa anos saíu do prelo o primeiro número da revista Nós, nin sequera os seus promotores se atrevían a soñar co papel protagonista que acadaría esta ferramenta de autoconciencia para a restauración cultural de Galicia. Malia todo, o pouso intelectual da tríada do 'cenáculo ourensán' -Otero Pedrayo, Vicente Risco e Florentino Cuevillas- fíxoo posible conxugando a modernidade co enxebrismo.
Coma homenaxe a súa dignificación da realidade galega, a segunda edición da romaría histórica 'A Bela Auria' adicouse á Xeración Nós, en colaboración coa asociación creada para celebrar o centenario do seu xurdimento. Os actos conmemorativos, institucionalizados dende o pasado ano pola Real Academia Galega como 'O Día de Nós', comezaron cunha lectura de diversos artigos publicados no primeiro número da revista Nós, que saíu á luz o 30 de outubro de 1920.

Entre eles, un estudo sobre frases célebres que pasaron á historia, no que se atopan citas cinematográficas e xornalísticas, ou un escrito de Ken Keirades (alter ego de Manuel García Barros). Neste último, prenden as faíscas da autoestima salientando a importancia do ideario da revista Fouce. 'Camaradas de A Fouce; para manifestarvos o entusiasmo con que vexo a vosa pubricación non se me ocorre millor verba que a eisclamación que Leuter G. Salgado vos adica dend´o fondo da súa alma, mirando quizáis ós d´aquí e ós galegos d´alá: Ai, se todos foran coma vós!'

A seguir, a xornada estivo animada coa presenza dos cabezudos da Esmorga, que acompañaron o desfile dun grupo de ourensáns ataviados coas vestimentas típicas da época de principios do século pasado e que rematou nun baile e posterior xantar popular. Xa pola tarde, os cativos foron os protagonistas da romaría e puideron achegarse ó legado histórico-cultural deste período mediante unha serie de obradoiros relacionados coa arqueloxía, os xogos tradicionais os saberes perdidos, a esgrima histórica ou a animación á lectura. Ademais, descubriron a impronta histórica dos máis pequenos nun percorrido divulgativo pola exposición 'O século dos nenos'.

A festa histórica celebrada no xardín do Posío soamente se viu deslucida cando, por un solapamento coa programación do Día da Bici, os ciclistas chegaron ao espazo acotado por vallas no que se estaban a desenvolver as actividades da Bela Auria. Finalmente, púidose reconducir a situación grazas o esforzo de ámbalas dúas organizacións e máis da Policía Local, que chegaron a un acordo cos ciclistas para que abandonasen o lugar -onde se ían entregar os premios-, permitindo así o decorrer normal da festa.

Te puede interesar