É vehemente, elocuente e orador a partes iguais e na xusta medida. Filósofo e humanista, exfraile e hoxe profesor xubilado, Emilio Graña case sempre foi a contracorrente na vida para mantener os seus principios.

Unha vida remando contra corrente

Perdeu a sua nai xusto cando acababa de entrar na escola, e ainda así foi un neno feliz, ainda que certamente 'con limitacións', matiza, pois 'non pasei fame, pero sí ganas de comer moitas cousas que non tiñamos'.
A capacidade de sobreporse ás dificultades é unha das constantes ó longo da sua vida; saiu adiante porque 'non hai forza que faga calar a quen canta na miseria. Calquera xogo, por simple que fora, era un instrumento da felicidade'. Eso, e a sua mimetización ca terra, co entorno, do que fala con paixón desbordante, foron claves na conformación da sua personalidade. 'Non había dez centímetros de terra sen sabor humán; sabiamos de cada carballo e de cada pedra', e estaba convencido de que detrás de cada árbore ou cada frutal, ou cada lameiro estaba un cacho de alma do seu pobo, das suas xentes.

Dende aquil primeiro enraizamento pasaron case setenta anos, pero sigue mantendo o sentimento tan fresco coma cando brincaba polas canellas de Teimende. Foi alumno de Dora Vázquez, ainda que non lembra nada especial desa experiencia, cecais porque o peor momento do día 'era o de ir áescola', na que 'había arredor de sesenta rapaces'. Hoxe non queda escola nin tampouco rapaces.

A sua nai tiña dito que dous dos irmáns habían ser curas, por aquelo do prestixio que aportaban á familia, por iso o irmán maior levouno ó seminario, onde íl tamén estivera, ainda que se pasara ó maxisterio. Emilio tiña case catorce anos e iba moi atrasado, así que devolvérono para a casa. Logo apareceu un frade pola sua pobo e levouno para Os Milagros.

Alí empezou o segundo fito importante na vida do Graña, como é popularmente coñecido. Iniciou a formación académica e relixiosa e logo deu o salto a Salamanca para facer teoloxía. Foi a primeira oportunidade para mergullarse no cosmopolitismo dos paúles, pois alí conviviu con indios, latinoamericanos, estadounidenses, e de outros países. 'Eso dábanos unha perspectiva histórica distinta', ainda que eso non eliminaba o debate interior permanente sobre o catolicismo imperante e, por outra parte, as imposicións que levaba consigo a condición de relixioso, como o de prescindir dunha parella no ámbito persoal.

Finalmente ordenouse cura xusto cando empezou a ferver o Concilio Vaticano II, que 'era unha bocanada de aire fresco e para moitos de nós supuxo un punto de apoio para unha nova forma de entender a relixión e da inculturación co pobo'. A satisfacción inicial quedou enseguida diluida, pois a ingrexa oficial non se amosaba proclive a engancharse ó tren dos novos tempos. Ademáis, no persoal, íl soñaba con irse ás misións aÁfrica e cando pensaba en perfeccionar o inglés en Inglaterra para partir, mandárono ensinar grego na Escola de Filosofía en Madrid. Aceptou o revés e asumiu unha situación que lle contrariaba. A habilidade oratoria e a afición ó teatro fóronno metendo no ensino, de xeito que pronto empezou a deixar pegada nos alumnos.

Así chegou 1969 e a apertura do colexio de Os Milagros. Aquelo foi a oportunidade para loitar pola dignidade e a autoestima do rural a través dos rapaces. Cos irmáns Peleteiro, con Odilo e un reducido grupiño grupo de compañeiros, abriron unha porta á liberdade. Nas casas asustábanse das mensaxes que transmitían os nenos nas vacacións. 'Era unha comunión perfecta cos rapaces e co entorno; no fondo era unha aposta vital polo medio no que vivíamos, de labregos e emigrantes, era ilustrar ós nenos Balbino', dí, en referencia ó protagonista das Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas, que era un ninguén. En definitiva, aquelo foi a revolución.

Non só formaban rapaces, senon que lles procuraban saídas e axudas para ir á universidade; pero aquela innovadora experiencia pedagóxica non podía sair gratis, pois levaba carga ideolóxica, e por aí non estaban dispostos a pasar a igrexa oficial e os poderes fácticos.

Empezou o acoso e derribo ata que o grupiño animador da iniciativa foi forzado a abandonar, porque a convivencia co resto dos compañeiros e cos superiores se tornara insoportable. O Graña negouse a irse e esperou a que o botaran, e botárono; un día cambiaron as pechaduras e non poido entrar ó colexio. 'Ainda hoxe non recibín unha razón de quén o fixo nin por qué'.

E así se quedou fóra. Terceiro fito vital. 'Con 43 anos, os estudos sen homologar, sen un peso para comer e cunha decisión que provocou gran disgusto na miña familia, sentíame maior para empezar de novo; en realidade sempre me sentín maior para empezar'.

Con todo, afrontou a situación despois de rexeitar as propostas da dirección dos paúles para sacalo diante. Agora ofrecíanlle irse a América. 'Rexeitei esa opción, pois senon valía para traballar eiquí, tampouco para facelo fóra'.

Ahí deu o portazo definitivo ca igrexa oficial. Vendeu seguros, poido traballar nun banco, casouse, homologou os estudos, fíxose profesor e deu clase na Universidade Laboral e logo no Otero Pedrayo, onde chegou a ser director. Pero a experiencia non igualou á de Os Milagros. 'Había máis distancia. Eu era profesor e os rapaces, alumnos; eu ensinaba e iles aprendían. Non quedaba tempo para o diálogo; nos Milagros había moita máis fondura, sentíamonos parte de algo que tamén era noso'.

Hoxe, xubilado, sigue sendo un gran conversador, profundo e sentido, coma profesor vocacional que foi, co sorriso presto nos beizos coma aquil neno que cantaba sobre a miseria.

Te puede interesar