Viticultores do Ribeiro regalan uvas na rúa ante a falta de compra

Decenas de viticultores do Ribeiro saíron nesta mañá á rúa en Ourense para regalaren as súas uvas aos viandantes e protestaren así contra a falta de compromiso para a compra do seu produto por parte dos adegueiros e os baixos prezos ofrecidos.
Desde as once da mañá, estes agricultores reuníanse fronte á Delegación da Xunta na cidade para facer visíbel a toda a cidadanía a súa situación, ademais de pedir seren recibidos polo delegado, Rogelio Martínez.

O secretario de Agricultura da executiva nacional das Unións Agrarias, José Ramón González, expuxo ante os medios de comunicación a 'difícil situación' da comarca e a necesidade de 'garantía de recollida para 100% da produción'.

'A situación é difícil, dramática', sinalou, insistindo que aqueles agricultores que teñan que deixar a actividade 'sumaranse ás listas do desemprego'.

Non cren, incidiu, no 'excedente de viño que din ter as adegas' e apelou á necesidade de que a Xunta de Galicia interveña, por exemplo, estabelecendo 'un agravio comparativo a favor daquelas empresas que compren as uvas mediante un contrato homologado'.

No referente aos prezos, manifestou que é imprescindíbel que 'se cubran os custos de produción' que fixan en, aproximadamente '60 céntimos para variedades autorizadas e chegando ao euro en preferentes', segundo os seus estudos de custo de produción.

Por volta do mediodía os reunidos comezaron a repartiren uvas, perante a sorpresa, curiosidade e apoio da maioría dos transeúntes.

Os concentrados tamén cortaron o tránsito de maneira pacífica e durante uns minutos a avenida da Habana, á altura da Delegación do Goberno.

Ao mesmo que regalaban aos ourensáns os seus produtos explicábanlles que 'regalamos as nosas uvas porque non temos quen as compre'.

Wenceslao Labrador é un mozo de 30 anos que hai aproximadamente 8 decidiu regresar a Beade (Ourense) e ampliar a produción de viñedo que tiña a súa familia.

Fíxoo, explicou á EFE 'por vocación e cariño a esta terra'.

Agora ten unha explotación de máis dunha hectárea, boa parte dela nova, que tardará polo menos dous anos en comezar a producir e na que investiu 'sobre uns 35.000 euros', un capital que non sabe cando poderá comezar a recuperar do froito desas cepas.

De feito, debe compaxinar o seu traballo nas viñas con outra ocupación para conseguir saír adiante.

Mentres os agricultores continuaban coa protesta na rúa, dous representante reuníronse con Rogelio Martínez.

Ao final do encontro comunicaron unha 'non boa noticia, mais si esperanzadora'.

José Ramón González transmitiu aos presentes que conseguira o compromiso do delegado para 'elaborar unha lista' daqueles agricultores que non teñen comprador para o seu produto, así como 'intentar convocar unha mesa do viño antes da vendima' e 'solucionar este problema estrutural' despois da recolleita para a próximas campañas.

Porén, insistiu en que non se trata só de que as uvas sexan recollidas, senón de 'saber a que prezo' e engadiu que desde as Unións Agrarias 'denunciarán todas as adegas que especulen' e compren uva por debaixo dos custos de produción.

A pesar desta circunstancia, pediron aos viticultores que non baixen a garda, 'hai que ser rápidos', e non descartan novas convocatorias se non se alcanzan os obxectivos estabelecidos.

Te puede interesar