ENTREVISTA

Xosé Luis Fernández: "Sempre foron bos tempos para a música clásica"

Colaborador de La Región, escritor, compositor e músico, Fernández Carnicero presenta mañá no Liceo de Ourense o seu disco, Música de Mar de Lira.

Xosé Luis Fernández: "Sempre foron bos tempos para a música clásica"

Coñecido como Xosé Luis Fernández Carnicero, este ourensán adícase profesionalmente á docencia e á investigación, pero no seu interior habita unha paixón que vive e se manifesta en arte. Colaborador de La Región, escritor, compositor e músico, Fernández Carnicero presenta mañá no Liceo de Ourense o seu disco, Música de Mar de Lira.

De onde nace o disco?

Todo xorde do poema "Bolboreta", que forma parte do libro Mar de Lira, escrito por Francisco Fernández Naval "Chisco", amigo da familia. Un día a miña filla chegou á casa despois do colexio dicindo que traballaran con este poema e puxémonos en contacto con Chisco para comentarllo. Decidiu regalarnos o libro e na dedicatoria expresaba "... estes poemas que sempre quixeron ser canción". Nada máis ler iso, tomeille a palabra.

Entón o disco nace do desexo de Fernández Naval.

Efectivamente. Eu levaba xa moitos anos escribindo algún libro e compoñendo, como o caso da banda sonora da película "Do caso que lle aconteceu ó Dr. Alveiros", e apetecíame lanzarme á aventura dun disco. Pero si, esto é o resultado da amizade que temos entre Chisco e máis eu.

Que se pode atopar no disco?

Está orientado cara a xente que lle gusta a música clásica. Está baseado na himnoloxía, por suposto sen querer compararme con ningún dos grandes compositores. Non se pode encaixar nun xénero musical concreto, hai temas moi variados. Eso si, todos son interpretacións de poemas.

Cal é a carta de presentación?

O feito de poder chegar a cantar aquelo que me gusta escoitar como poema.

Quen forma parte do traballo?

Sempre concibín que as cantigas debían ser cantadas por unha soprano. Eu contaba con ser o músico, pero atopámonos con Victoria Álvarez, que forma un grupo co pianista José Manuel Yáñez. Entre os dous fixeron un fiel reflexo da música tal e como estaba concibida. Son moi bos profesionais.

É bo momento para a música clásica?

Realmente sempre foron bos tempos para os que quixemos mergullarnos na música que ten unha continuidade no tempo. A música clásica non só é a de Bach ou Beethoven, temos bandas de rock que son xoias da música clásica. Hoxe a música accede a máis persoas e hai unha maior cultura musical.