Presentador de Acompáñenos

Xosé Manuel Piñeiro: ‘A televisión está nun tempo de cambios tolos e manter un público fiel é de medalla’

Xosé Manuel Piñeiro, no plató do programa. (Foto: Archivo )
Xosé Manuel Piñeiro, Superpiñeiro, arranca hoxe ás 4 horas da tarde na TVG coa nova tempada do programa Acompáñenos. O presentador síntese moi cómodo con este magazine ‘de actualidade e cercano’.
Xosé Manuel Piñeiro ou Superpiñeiro (Allariz, 1957), experto televisivo tras 16 anos traballando na pantalla, presenta hoxe a nova tempada de ‘Acompáñenos’, un programa diario de 16.00 a 18.00 horas da tarde, que Piñeiro define coma ‘actual e moi de rúa’ e que une nunha perfecta conxunción á xente nova coa maior. En que consisite Acompáñenos, o programa que presenta nas tardes da galega?

É un pouco a continuación da edición do ano pasado. Un programa actual e moi de rúa, cercano ao país, onde primamos o audiovisual e intentamos que a palabra sempre vaia acompañada de imaxe. É actual porque sempre estamos onde hai noticia. Ten un formato moi moderno e adaptado aos tempos de hoxe, pensado para todos os públicos.

Funcionou ben?

Pois foi moi ben, nun horario ‘maldito’ como é o que ocupamos, de 16.00 a 18.00, conseguimos unha media dun 6% de share, e ás veces tivemos programas que alcanzaron un 20%. Durante algúns meses só nos superou TVE.

Cal cre que foi a clave?

Incorporarmos xente nova e de media idade, para adaptar o programa a todos os públicos. A combinación destes, como Alba Lago, que ten 23 anos, con expertos na escena como Dorotea Bárcena, consiguen que un tema sexa tratado desde diferentes puntos de vista, e que se reflicta a rúa. Ademais, outro dos grandes acertos está no ritmo do programa. Así, podemos estar a falar da Belén Esteban e de súpeto cambiar o tema a ‘mulleres maltratadas’. Isto permite que xente á que non lle interesaría de primeiras un tema social na sobremesa, o enganchan sen ningún problema. É unha miscelanea. Ademais, coido que é un acerto o tratarmos os temas de corazón de forma respetuosa e non morbosa.

Que novidades vai presentar a nova tempada de Acompáñenos?

Continuamos coa base do ano pasado pero iremos máis alá, por exemplo coa incorporación de máis xente nova. O decorado tamén cambia, vai ter unha estética máis urbana, con moitas pantallas e as paredes amarelas. De feito, o noso lema é ‘o ama relo está de moda’. Pese a ser unha cor maldita na escenografía, a min sempre me trouxo boa sorte. Tamén modificamos a sintonía, cun ritmo máis actualizado. E sobre todo, incorporamos novos reporteiros que nunca fixeron televisión. Vai supor un grande aporte de frescura.

Síntese cómodo coma presentador dun programa máis serio ca outros en que ten traballado?

Fixéronme un programa adaptadísimo. Trabállase con moita liberdade e a comodidade con que se me ve na pantalla é real. Disfruto facendo o programa e aprendo da xente nova. O que o espectador ve é o que hai no plató, alén do guión base. Ademais, por primeira vez podo dicir que estou dirixido, pois Acompáñenos é un programa moi de director. Miguel García ten o magazine moi ben traballado. Agora, podo dicir que non quero facer outra cousa.

Que aspecto do Supermartes lle gustaría lembrar?

Ese programa conferiume catorce anos de cátedra televisiva. Despois de facer tres horas de show en directo no que podía pasar de todo, xa estás preparado para facer calquera cousa. Sería inxusto que renegara do Supermartes.

E agora prefire ser Xosé Manuel Piñeiro ou Superpiñeiro?

Neste programa son Xosé Manuel Piñeiro, pero moitos chámanme polo meu alcume. De feito, a miña empresa segue a denominarse Superpiñeiro. Ademais, por respeto a Antón Reixa, quen así me bautizou, non hei renegar de Superpiñeiro.

Cre que a TVG mudou nos últimos anos ou consideras que debería cambiar máis?

Penso que a TVG está a ser a canle autonómica de maior audiencia. En Galicia é a primeira ou segunda máis vista, dependendo do día. De todas formas, e a pesar de que eu non son quen de opinar sobre unha televisión que ten os seus responsables, a verdade é que se está a apostar para que teña cabida moita xente, sen prescindir dos de sempre e dos nosos ‘buques insignias’. Ademais, hai que ter en conta que a televisión en xeral está nun tempo de cambios tolos, e poder manter a estas alturas un público fiel, continuar en prime time e ser unha das canles máis vistas é para colgarse medallas.


Te puede interesar