Crónicas de agora e sempre

De cando Ourense parecía Casablanca

A revista “Ilustração Portuguesa” publicou unha ampla reportaxe gráfica da incursión de Paiva Couceiro a Chaves.
photo_camera A revista “Ilustração Portuguesa” publicou unha ampla reportaxe gráfica da incursión de Paiva Couceiro a Chaves.
O 15 de febreiro de 1910 este xornal saía á rúa coa fin de situarse na cerna informativa de Ourense. Naqueles días, Portugal vivía os preparativos dun conflito social que estouparía o 5 de outubro. Para aquela, La Región xa estaba aquí para contalo

Con motivo do cumio ibérico que tivo lugar o pasado venres en Viana do Castelo, pareceume oportuno traer a colación un momento histórico no que a nosa provincia foi elixida coma o teatro de operacións dalgúns episodios que supuxeron cambios trascendentais para o futuro do país irmán. En dous anos por aquí pasaron curas e carbonarios, políticos e militares, aristócratas, príncipes e princesas do fuxido trono luso -e ilustres xornalistas para contalo-, convertendo Ourense nunha imitación de Casablanca.

Esta crónica comeza realmente o 1 de febreiro de 1908, cando o rei Carlos de Portugal e a súa familia atravesaban a praza do Comercio lisboeta -a bordo dunha calesa aberta- entre unha multitude da que xurdiron, de súpeto, dous homes armados que fixeron branco vital nos corpos do propio rei e do seu fillo maior, o príncipe herdeiro Luís Filipe. Como era de agardar e eles mesmos terían maliciado, os dous rexicidas tamén foron abatidos e igualmente perderon a vida.

Ese día, toda a presión política que viña soportando o país rebentou definitivamente, e aínda que os sucesos inmediatamente posteriores asentaron nun primeiro intre ó seu fillo menor Manuel no trono, a bomba de combustión na que se convertera Portugal non durou máis ca dous anos e medio, ata ese 5 de outubro, no que uns mandos militares intermedios da Mariña deron o sinal. As hostes republicanas, co apoio indispensable dos “carbonarios” (unha sorte de masonería con gran aceptación en Portugal e da que formaban parte o mestre Manuel da Silva Buiça e o comercial Luiz da Costa, os asasinos do rei e do seu fillo) e loxicamente do Partido Republicano, tomaron o Pazo Real e o resto de institucións. Ordenáronlle ó novo rei (tiña 18 anos) que abandonara o país coa súa nai e declararon a República como forma de goberno.

Coa marcha de Manuel II cara Xibraltar (lamentaríase de telo feito tan pronto), a longa fronteira hispano-lusa que tanto nos tiña afastado, converteuse nunha xenerosa rede-peneira pola que fuxiron centos -por non dicir milleiros- de súbditos avantaxados da monarquía, políticos e militares, burgueses e aristócratas e incluso algunha representación do clero, que asentaron en moitos casos en lugares arraianos, agardando a que a treboada republicana fose cousa duns meses e pronto puideran volver á pacífica confortabilidade das súas cidades, quintas ou casas solares.

Se cadra por mor dunha vella relación co senador conservador pontevedrés, Cea Naharro -que tiña propiedades en Nigrán, Meis e Pontevedra, alén do Pazo do Telleiro de Couso de Limia (Sandiás)-, o caso é que na nosa provincia acabou asentando o seu clandestino campo de operacións o militar e político monárquico Henrique Paiva Couceiro, que se erixiu no líder nacional da silenciosa resistencia á República e que en boa lóxica, durante o tempo que andou por Galicia, convocou a presenza dun rosario de militantes carbonarios dispostos a facer o que fose para atrapalo. E non só a el, senón a todos cantos correlixionarios seus ou significados líderes monárquicos lusitanos que atoparan.

A provisión de armas que Paiva e os seus (milleiros de voluntarios) fixeron pola raia seca para organizar o que sería coñecido como as “incursións de Paiva”, foi o motivo das espionaxes, conspiracións, detencións e ataques que os carbonarios levaron a cabo por Ourense, Xinzo, Verín, etc. Incursións que Paiva realizaría en 1911 e 1912 por Vinhais e Chaves coa fin de tomar Bragança e que ó final resultaron infrutuosas para recuperar un réxime monárquico que a Portugal nunca máis regresaría.

Dende o cura de Estevesiños ós príncipes de Bragança con Verín como intramundo

Verín converteuse naqueles anos nun escenario propio de película de espías.
Verín converteuse naqueles anos nun escenario propio de película de espías.

Dende o día seguinte -6 de outubro- ó levantamento carbonario-republicano en Lisboa (“El Sr. Canalejas ha confirmado esta mañana que ha estallado la revolución en Portugal”), ata a segunda incursión de Paiva Couceiro en Chaves -6 de xullo de 1912-, este xornal fixo un seguimento informativo diario de todo canto acontecía en Portugal, non só por un mero interese de veciñanza, senón porque unha boa parte do futuro da revolución ía depender do que acontecería en Ourense coa chegada de Paiva Couceiro.

Ata unha ducia de escaramuzas, persecucións e tiroteos provocadas por carbonarios, contabilizou o xornal en 20 días, na propia capital, Verín, Torneiros, Lobios, Bande, a casa do cura de Terroso, Soutochao, etc., alén da detención do cura de Estevesiños (Verín) por mor dun artigo no que criticaba ó primeiro ministro Canalejas e que o levou á cadea, e a exaltar logo unha defensa a ultranza de Basilio Álvarez dende o xornal “El Debate”, que dirixía en Madrid e que axudou a sacalo baixo unha fianza de oito mil pesetas (un mestre cobraba 800 ó ano). Todo iso, unido ó tesón contrarrevolucionario de Paiva Couceiro, convocou a algúns dos principais xornalistas do país como foi o caso do catalán Cirici Ventallò, que viaxou a Ourense para “El Correo Español” tan pronto as escaramuzas arraianas “carbonario-paivesas” se fixeron evidentes e que escribiría unha serie de crónicas ata que en Lisboa foi expulsado do país por desafecto.

Por el, a sociedade soubo do paso da princesa de Parma por Verín, da estadía do vizconde de Cabrales na mesma vila, do duque de Oporto escondido nunha finca da provincia, de Sepúlveda -antigo secretario da raíña Amelia e axudante do exmonarca Manuel II- disfrazado de chofer en Ourense, da hospitalidade da que fixo gala o director do balneario, Novo Campelo, que mesmo motivou unha carta de agradecemento de Manuel II polo trato dado ós fuxidos portugueses, ademais de que “Verín, pueblo encantador y pacífico, parece una plaza fuerte: Caballería, Infantería, Guardia Civil...”.

E todo iso pola presenza das “Altezas Reales Miguel e Francisco José de Bragança” (posibles herdeiros do trono portugués se conseguían a restauración e ós que Cirici entrevistou) a “14 leguas de Verín”.

É dicir, que só faltou un romance ó estilo de Bogart e Bergman para sermos unha adiantada imitación de “Casablanca”.

Te puede interesar
Más en Sociedad