A xira do coñecido grupo de seis irmáns Bolechas e máis o seu cadelo Chispa visitará iste nadal dez cidades galegas, con parada en Ourense o día 3 de xaneiro cun novo espectáculo orientado ós máis cativos da casa.

O Nadal chega cos Bolechas

Imaxe dun dos espectáculos realizados por Os Bolechas.
Os Bolechas están a traballar arreo na súa xira de Nadal que os levará a dez cidades e vilas galegas. Á espera de poder concretar algunha nova data, o espectáculo comezará o día 22 de decembro en Vilagarcía de Arousa e pasará por Pontevedra (23 de decembro), Vigo (día 26), Santiago (día 30), Cangas do Morrazo (2 de xaneiro), Ourense (3 de xaneiro), Narón (día 4), Lugo (día 6), A Coruña (día 7) e Vilalba (8 de xaneiro).
Trátase dun dos maiores espectáculos infantís do ano, cos Bolechas da tele e actores que levarán por toda Galicia 'Os Bolechas cantan con Lady Vina', un musical no que se poderán escoitar algunhas das novas cancións do disco 'Os Bolechas' fan unha banda, ademais de moitas acrobacias e moitas máis sorpresas que farán as delicias de toda a familia. As entradas poden adquirirse xa na páxina web www.servinova.com ou no teléfono 902 504 500. Ata o día 9 de decembro custarán só 10 euros.

Ademais, nos teatros e auditorios onde se represente o espectáculo haberá un posto de venda de produtos dos Bolechas nos que se poderá descontar ata cuatro euros en tres produtos mostrando a entrada. Unha ocasión única para gozar de todo o Universo Bolechas este Nadal.

Por outra banda, máis de 35.000 estudantes estaban onte inscritos xa no concurso 'Debuxa o teu cole' a tres días de que remate o prazo de participación, unha cifra que superou todas as expectativas dos organizadores, a editorial Bolanda e Novagalicia Banco.

O concurso dos Bolechas estase a converter nunha das actividades deste tipo con máis participación na historia da nosa comunidade autónoma, especialmente nun prazo tan reducido de tempo, con máis de 2.000 clases de infantil e primaria inscritas na modalidade 'Desde o cole'.

Ademais, case 2.500 nenos e nenas participaron de xeito individual na modalidade 'Desde a casa', na que poden gañar un dos 60 premios económicos e 60 bibliotecas Básicas da familia de Os Bolechas que se sortearán durante o mes de decembro.

Os colexios que se inscribiron recibirán, polo simple feito de participaren, un lote de cadernos de actividades dos Bolechas. Pero, ademais, entrarán no sorteo dun gran premio de 3.000 euros.

O concurso está dirixido a alumnos de infantil e primaria de toda Galicia, que teñen de prazo para inscribirse na web www.novagaliciabanco.es/osbolechas ata este sábado, 30 de novembro, ás 23,59 horas. No caso de inscribirse desde a casa, o artista deberá ter enviado o seu debuxo antes desa mesma hora polas canles previstas, correo electrónico ou postal. Toda a información así como as bases do concurso poden consultarse na web.

Te puede interesar