‘As nosas palabras, os nosos mundos’ é unha exposición itinerante sobre o galego e outras 32 linguas

Percorrido pola diversidade lingüística

O profesor Anxo Lorenzo e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López. (Foto: EFE)
’As nosas palabras, os nosos mundos’ é o título dunha exposición promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, de carácter itinerante, que incidirá na importancia do galego e a diversidade lingüística do mundo. A mostra recolle material de 32 linguas facendo fincapé nos riscos de desaparición dalgunhas delas.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta organizará durante 2008 e parte de 2009 unha exposición itinerante sobre ‘o valor do galego en igualdade con outras linguas’ e a importancia da diversidade lingüística, que levará a diferentes cidades de España, a Bos Aires e a Luxemburgo unha mostra de 32 linguas de todo o mundo, facendo fincapé nos riscos de desaparición dalgunhas delas. Segundo explicou a secretaria xeral, Marisol López, na presentación desta mostra, que leva o lema ‘As nosas palabras, os nosos mundos’, o obxectivo é ‘promover o valor da lingua propia no contexto da diversidade lingüística’ existente no mundo, así como ‘contribuír á difusión do plurilingüismo como garantía dunha convivencia global’.

Para iso, a mostra, que se inaugura en Santiago o próximo mércores día 16, fará un percorrido a través do galego no pasado e na actualidade a través de diferentes soportes gráficos, sonoros e audiovisuais nun espazo expositivo de 500 metros cadrados. O conxunto do espazo estará dividido en catro grandes boques temáticos, a orixe da comunicación e a linguaxe, os datos básicos da historia e evolución do galego, un percorrido por diferentes linguas do mundo e, finalmente, unha mostra da situación do galego hoxe.

Entre os materiais que ofrece a exposición, os visitantes poderán gozar de poemas de Rosalía de Castro e de Federico García Lorca, mostras sonoras de diversas linguas do mundo, acceso a novas tecnoloxías en diferentes idiomas, tradutores, audiovisuais en galego e música tradicional.

Tamén para cegos

A exposición pode visitarse en galego, catalán, euskera, inglés, francés e neerlandés-flamenco e a súa visita tamén está adaptada a persoas con minusvalideces sensoriais, xa que dispón de recursos en braille.

A exposición ‘As nosas palabras, os nosos mundos’ iniciará a súa itinerancia o próximo mércores en San Martiño Pinario (Santiago de Compostela) e dende alí desprazarase a Vilagarcía de Arousa, Bilbao, Vigo, Bruxelas, Madrid, A Coruña, Barcelona, Sevilla, Pontevedra, Lugo, Bos Aires e Ourense, cunha estanza media de 15 días en cada localización.


’Un vehículo de consenso social’ A secretaria xeral Marisol López destacou a importancia desta exposición, que se celebra coincidindo coa declaración por parte da ONU de 2008 como Ano Internacional das Linguas, e destacou como obxectivo principal o demostrar a pluralidade lingüística que existe en moitos países do mundo e ‘contribuír á posta en valor das linguas como vehículo de consenso social’.

Nesta liña, o coordinador da exposición, o profesor Anxo Lorenzo, destacou que coa incorporación de campos, como as novas tecnoloxías, pretenden demostrar que ‘o galego é unha lingua viva e actual’ que, grazas aos seus case dous millóns de falantes, ‘non está en perigo de desaparición’, coma si o están outros idiomas presentes na exposición e que contan con menos de 100.000 falantes.


Te puede interesar
Más en Sociedad