CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

O Porco, a cabeza do cura e o garrote vil

No Museo da Tortura de Santillana del Mar conservan un garrote vil orixinal. No recadro, fotografía de Manuel García.
photo_camera No Museo da Tortura de Santillana del Mar conservan un garrote vil orixinal. No recadro, fotografía de Manuel García.
Aínda que tamén naceu en Langullo (Manzaneda), non foi tan coñecido coma o seu conveciño Mario, un dos últimos “maquis” do Oriente ourensán. Membro da súa gavilla e fuxido, coma el, Manuel García tivo, sen embargo, máis triste final

O pasado sábado algúns medios fixéronse eco da do cincuenta aniversario da derradeira execución co garrote vil. As vítimas, un mozo catalán de 24 anos -Salvador Puig- que militou nun minúsculo grupo anarquista denominado “Movemento Ibérico de Liberación”, executado na prisión de Barcelona, e un delincuente común alemán -Heinz Chez- “garroteado” en Tarragona. Tal circunstancia levoume a Manuel García, o derradeiro executado -15 anos antes- con este cruel “trebello”, en Ourense.

O 15 de novembro de 1958 a quinta páxina deste mesmo xornal reproducía un titular que informaba da “captura de un famoso bandolero en términos de Manzaneda, por las fuerzas de la Guardia Civil”, ó que se lle imputaban -subtitulaba a peza informativa- “numerosas fechorías”.

Nela, o redactor aludía a “un sujeto llamado Manuel García Rodríguez, de 51 años” (no xuízo fixarían a súa idade en 44), situando o lugar da detención na aldea de Placín, tamén de Manzaneda, moi próxima a Langullo, o seu lugar de nacemento.

No tocante ás causas que motivaron a súa detención, a nota, probablemente algo sensacionalista, explicitaba que “se tienen noticias de que el número de muertos registrados en su haber se eleva a unos quince o dieciséis”, aínda que logo, no proceso xudicial sumarísimo ó que foi sometido, o acusasen formalmente de dous, o cura de Cesuris -parroquia á que pertence a aldea de Langullo- Manuel Fernández Cereijo e o cura de Vilameá, Manuel Garrido.

Fosen os que fosen e alén dos outros posibles delitos que lle custaron prematuramente a vida no tenebroso garrote vil, o caso é que o nome de Manuel García, identificado “en los medios de seguridad y en la voz del pueblo” cos alias de “Sarxento, Verdugo ou Porco”, foi estigmatizado botándolle ás costas o cruel asasinato do cura de Cesuris, disque “axustizado” por ter denunciado e posto o punto de mira da Garda Civil sobre algúns dos fuxidos da comarca.

Tal episodio recólleo -con algunhas grallas propias da transmisión oral- o investigador vasco con raíces en Cesuris, Antonio Valcárcel, nun blog persoal e por voz das lembranzas infantís de súa nai.

Era o ano 1941 e no transcurso dunha visita do crego á casa díxolles que non os visitaba máis a miúdo porque era perigoso andar só polos camiños debido a que os maquis podían tomar represalias.

Sus palabras fueron proféticas -relata Valcárcel-, pues aquella noche, mientras estábamos secando castañas en la chimenea para convertirlas en pilongas, un fuerte golpe rompió el cristal de la ventana y, acompañada de un sonido sordo, vimos rodar por la solera de piedra la cabeza de un hombre asida por una asa trenzada de junco que traspasaba el cuello, escuchándo, al tiempo, unas voces que gritaban: ahí va la cabeza del cura”.

Outras informacións fan referencia a que os autores do asasinato do párroco o que fixeron foi rodala polas canellas da aldea.

Contan algúns dos que estudaron esa parcela concreta da historia ourensá -entre eles o xornalista Xosé Domínguez e Francisco Xavier Redondo- que as desavinzas con Mario de Langullo forzárono a afastarse da súa gavilla e despois de andar un tempo botado ó monte en solitario e non ser quen de conformar un grupo propio, en 1945 -non se sabe se coa súa conivencia ou por imposición- meteuse na casa de Gumersinda Rodríguez, unha veciña da aldea de Placín, onde construíu unha cova con saída cara o monte e onde pasou 13 anos, combinando as agachadas no día coas saídas pola noite para poder conseguir os produtos básicos de supervivencia.

Loxicamente, a convivencia entre a viúva -30 anos máis vella- e o maquis non debeu ser doada polo que chegado o mes de novembro de 1958, Gumersinda -dis que acusándoo de ter violado á súa filla- delatouno. “Una bomba de mano lanzada al interior de la cueva” -recolle a información- deixou aloulado a Manuel, “momento que aprovecharon los guardias para lanzarse sobre él y apresarle”.

Armas, xoias, xiringas, medicamentos e o afán duns sobriños seus por limparen a súa imaxe

A captura de Manuel García tivo lugar nunha cova situada na aldea de Placín.
A captura de Manuel García tivo lugar nunha cova situada na aldea de Placín.

 

A cantidade de obxectos que lle foron requisados ó detelo desvelaron que, malia non ter sido detectado pola Garda Civil durante tantos anos, as súas saídas da cova tiveron que ser constantes e os contactos diversos, alén de coa propia Gumersinda.

“Efectuado un registro en su covacha -recolle a prensa- fue hallado un verdadero arsenal de armas de todos los calibres y abundancia de municiones”. Ademais, viron que “formaban parte de su botín unos prismáticos de largo alcance, joyas de gran valor, bombas de mano y otros objetos -estima o redactor- producto de sus feroces rapiñas”.

A meirande estupefacción sentírona ó abriren unhas caixas que contiñan “jeringuillas para inyecciones, agujas hipodérmicas y diversas cajas de medicamentos y otros instrumentales médicos”, que os levou a supoñer “que se dedicase a la práctica ilegal de la profesión de practicante”.

Curioso resulta tamén que, para construír un perfil do personaxe, destacasen que “el aspecto físico del atracador era excelente, pues rebosaba salud y su presencia, dicen de él que era realmente inmejorable, dada su inactividad”.

E, metidos nunha descrición polo miúdo, aseguran que “su aspecto era blanco, fofo y gordo, dando pie a los calificativos nominales por los que era conocido”.

Trasladado a Ourense, Manuel foi posto a disposición militar, que lle deu curso á causa sumaria na que o fiscal pediu “tres penas de muerte” polo asasinato dos dous cregos e por deixar cego dun ollo a un veciño de Castro Caldelas, ademais de cinco penas de 30 anos de reclusión maior por outros tantos delitos cometidos a man armada. O tenente coronel que o defendeu pediu a súa absolución por non estaren acreditados os delitos, pero o tribunal non lle fixo caso e o 6 de xuño de 1959 o torniquete apertoulle o pescozo contra a punta do fuso que lle premeu a médula e furoulle a única vida que atesouraba.

Gumersinda foi condenada a un ano de prisión maior “por darle auxilio a un bandolero” e en abril de 2013, o xornalista Xosé Manuel Rodríguez entrevistou a Julien Campos y Blanca Marcellan, dous sobriños que dende Francia viñeron a Ourense co fin de “reescribir su historia”. Visitaron arquivos e conseguiron documentos, pero descoñezo se ó final foron quen de teren publicado o libro.

Te puede interesar