A aposta polo orgánico de Javier Nogueira triunfa en Debut 2014

gal1-3-_result
photo_camera A colección 'Hair Spray', de Javier Nogueira, obtivo o primero premio.

A colección ‘Ham Spray’, inspirada na vida de Dora Carrington, proclamouse gañadora da pasarela

A “historia de amor imposible” que a pintora inglesa Dora Carrington viviu co escritor homosexual Lytton Strachey foi a fonte de inspiración da que se serviu Javier Nogueira para construír Ham Spray, a colección que na noite do pasado xoves se facía co primeiro premio en Debut 2014, o desfile no que doce alumnos e alumnas dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga) presentaron sobre a pasarela as coleccións que constituían os seus proxectos de fin de estudos. Co obxectivo de “reflectir tanto o ambiente pastoril no que ambos vivían, na campiña inglesa, como a miña idea dos propios personaxes”, Nogueira deseñou unha colección que buscaba afondar “no lado máis orgánico” da moda, a través de tecidos naturais e procesos artesanais.“Carrington foi unha artista de comezos do século XX marcada por unha relación de amor un pouco peculiar, posto ela que casou con outra persoa, pero cando Strachey morreu, rematou suicidándose porque non podía soportar vivir sen el”, relata o vencedor de Debut da fonte de inspiración dunha colección marcada por ese “lado artesanal” que o levou “a manipular tecidos, someténdoos a altas temperaturas e tinguíndoos manualmente”. Esta aposta converteuno en merecedor dunha “recompensa totalmente inesperada", que recoñece recibir con moita alegría, "porque é un recoñecemento ao teu traballo, que é algo que sempre se agradece”.

Un xurado composto polo editor da revista I-D Spain, Vicente Ferrer, o deseñador Leandro Cano, o recrutador de talentos de Inditex Iñigo Guzmán e a artista e editora da revista Kinfolk, Magumi Yamase, encargouse de avaliar “doce magníficas coleccións” que, como apuntou a directora de Esdemga, Lola Dopico, converteron en “moi complexo o veredicto” que debía decidir que alumnos se facían cos dous premios que outorga a empresa Jesus Peiró. Por iso, ademais do segundo premio, co que se recoñeceu á colección Game Over, inspirada na estética dos espías, de Yeray Suárez, sumouse unha mención especial para Ain´t Misbehaving de Sara Adelaida Suárez.

Xunto aos tres premiados, tamén estrearon as súas coleccións nun ateigado Pazo da Cultura Marta Aláez, Antía Brión, Raquel Chapela, Sheila Dopazo, Graciela Ramil, Julia Soutullo, Aroa Veiga, Pedro Vilar e Ela Nahir Viso, protagonistas tamén dun desfile que reunía fontes de inspiración do máis diverso, desde o afundimento do vapor Santa Isabel nas proximidades de Sálvora en 1921, ao relato O Corvo de Edgar Allan Poe, pasando pola cultura adolescente americana ou polos nenos da posguerra española.n

Te puede interesar
Más en Universitas