UNIVERSITAS

Dez anos viaxando polo mundo por amor á arte

A publicación compila os artigos escritos durante unha década sobre exposicións fóra de Galicia

Londres, París, Roma ou Nova York son, sen dúbida, catro dos destinos turísticos máis importantes do mundo. Mais ningún deles responde nin de lonxe ao popular perfil de “sol e praia”, senón que son capitais culturais e artísticas que cada ano captan a millóns de visitantes e onde museos como o Louvre ou o MOMA se converten practicamente nunha visita obrigada. Non en van, “a viaxe cultural prevaleceu ao longo dos séculos como unha opción que supera amplamente á mera procura de lugares con bo tempo”, como destaca o profesor de Belas Artes Xosé Manuel Buxán, que vén de facer balance dunha década de viaxes polo mundo adiante co propósito de visitar diferentes exposicións ou museos no seu libro "Desprazamentos. A viaxe como unha das belas artes".


Con ese “pequeno xogo de palabras no subtítulo” do libro que vén de publicar coa editorial Difusora, este crítico e docente pon en valor esa idea dunha viaxe que vén motivada pola vontade de “coñecer outras cidades, as súas arquitecturas e os seus monumentos”, que cada ano move a millóns de persoas no mundo e que constitúe “unha das facianas da cultura desde sempre”. Dos moitos séculos durante os que os artistas europeos se viron atraídos polas cidades italianas, ao traslado na actualidade dos artistas a Berlín ou Nova York, a creación artística foi sempre motivo de desprazamentos, como apunta Buxán, que presenta o seu libro como a “crónica dun viaxeiro que reflexiona sobre o mesmo que fan millóns de visitantes”.


“Unha viaxe o que te achega é sobre todo coñecemento, o coñecemento doutras experiencias artísticas, doutras contornas, doutros xeitos de xestionar a cultura...”, apunta Buxán, que recolle en Desprazamentos unha "ollada absolutamente persoal" as diferentes experiencias que viviu durante "algo máis dunha década de viaxes polos centro da arte no mundo". De feito, todos os artigos que compilou para esta publicación, e que foron orixinariamente publicados entre xuño de 2013 e xaneiro de 2014 nos xornais A Nosa Terra e Faro de Vigo, teñen un denominador común, que naceron das súas visitas a museos ou exposicións fóra de Galicia.


O feito de que os diferentes textos que Buxán reuniu e revisou para Desprazamentos fosen inicialmente concibidos para publicacións xeralistas motivou tamén que o seu autor tentase distanciarse en parte da súa propia faceta de crítico. “Adoptei unha postura máis próxima a dun xornalista cultural”, recoñece o autor duns textos que están repletos “dunha serie de comentarios de proximidade que moitas veces rozan o anecdotario” e nos que aquilo que implica a viaxe cobra especial relevancia.

Te puede interesar
Más en Universitas