TESE

A interpretación simultánea de discursos políticos en EEUU é fiel no 88% dos casos á ideoloxía orixinal

g2_result

As TV permitíronlle analizar o mesmo discurso interpretado por varios suxeitos

Unha relación forte e unida con España” en lugar de “unha relación cunha España forte e unida”. Este pequeno erro na interpretación simultánea da intervención de Felipe VI nun encontro con Barack Obama en outubro xerou certa controversia nun contexto ideoloxizado e a pouco máis dunha semana da celebración das eleccións en Cataluña. De non terse dado nese momento, esta pequena desviación da interpretación do discurso orixinal podería ter pasado desapercibida, pero en determinados contextos, a transmisión da ideoloxía nos discursos políticos pode ter unha importancia transcendental. Niso centrou a súa tese de doutoramento Elisabet García Oya, que analizou baixo a dirección de Jesús Alonso Bacigalupe, a transmisión da ideoloxía do discurso político estadounidense na interpretación simultánea para os medios. Os resultados arroxan “unha coherencia ideolóxica global moi elevada (88%) entre os orixinais e as súas interpretacións, polo que parece evidente que o intérprete non intervén na transmisión do contido ideolóxico”.

Esta investigación, que parte dun interese persoal da autora, é de feito a primeira contribución ao estudo da transmisión da ideoloxía na interpretación simultánea. García Oya lembra que, pola contra, si existen traballos sobre este tema en tradución escrita ou interpretación social, pero non en simultánea, polo que se atopou cunha “total ausencia de marcos previos nos que poder basear o traballo”. O seu obxectivo era “saber se o intérprete era quen de transmitir de maneira completa a ideoloxía dese discurso ou se se producían diferenzas na transmisión da mesma que se puidesen deber ao peso das súas crenzas previas, é dicir, da súa propia ideoloxía”. A investigadora lembra que “os intérpretes se forman para actuar de xeito completamente neutral e imparcial, pero quixemos saber se poden interferir esas crenzas previas de maneira involuntaria”.

García Oya centrouse nos discursos emitidos por televisión e interpretados por diferentes intérpretes e deixou á marxe unha posible investigación experimental, xa que era “esencial que os intérpretes non se visen influenciados polo feito de saber que son observados”. A idea era comprobar como a mensaxe orixinal chega ao público cando media a interpretación, analizando se a ideoloxía se transmite de igual xeito ao público directo e ao público da interpretación. No lugar dunha investigación experimental, García Oya desenvolveu un estudo observacional, pero este tipo de traballos non permiten “estudar o comportamento de diferentes suxeitos cando interpretan un mesmo discurso”. A autora solventou este escollo ao recorrer á tradución dun mesmo discurso por parte de diversos intérpretes en diferentes canles de TV de España, EEUU e Latinoamérica.

Te puede interesar
Más en Universitas