TRADICIÓN

Especial posta en valor do traballo dos enxertadores

Demostración da enxerta e posterior atado polas mulleres, no acto “Do viveiro á copa”.
photo_camera Demostración da enxerta e posterior atado polas mulleres, no acto “Do viveiro á copa”.
Vilamartín homenaxeou ós viveristas en activo cunha demostración de enxerta manual

No contexto da celebración das festas de San Xurxo, Vilamartín brindou homenaxe ós viveiristas na praza Xosé Luis Núñez. O acto, “Do viveiro á copa”, organizado polo Concello, en colaboración coa Ruta do Viño de Valdeorras e o Instituto de Estudios Valdeorreses, tivo lugar no transcurso da mañá de onte O primeiro en intervir foi o presidente do IEV, Aurelio Blanco, quen recordou que “o viño era case a única fonte de riqueza”, polo que habían de defendela da enfermidade da filoxera, “e deron coa solución enxertándoa das nosas variedades autóctonas”. Lembrou Blanco Trincado que na enxerta “sobresaíu o concello de Vilamartín, de terra fértil e homes e mulleres duras”, os enxertadores, ós que chamou “os salvadores do viñedo de media España, os heroes vencedores dunha enfermidade da vide que chegou un bo día do ano 1870, con intención de quedar, pero que foi desterrada grazas á iniciativa dalgúns viticultores que buscaron o antídoto fóra de Galicia”. 

Intervención do alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez.
Intervención do alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez.

Demostración

Durante boa parte da homenaxe, homes e mulleres fixeron unha demostración de enxerta tradicional. O presidente da Ruta do Viño, Joaquín Sánchez, remarcou a súa importancia, lembrando que “somos a comarca onde máis viveiros hai con diferencia en toda Galicia”. 

Pola súa banda, o alcalde, Enrique Álvarez, comezou a súa intervención facendo lectura do pregón de Xaime Prada do programa de festas de San Xurxo de 1930. Neste acto impúxoselle o pin do concello aos tres viveiristas de Vilamartín: Fernando N. Guitián, José Manuel Valeiras e Benxamín Vedo. Unha cata guiada puxo fin ao acto.

Te puede interesar