O Hospital de O Barco contará dende xullo con endocrinólogo

O Hospital Comarcal de Valdeorras ampliará, desde este mes de xullo, a súa carteira de servizos con novas consultas de Endocrinoloxía, o que permitirá aos seus pacientes acudir directamente ao Barco, evitando traslados a Ourense para ser atendidos.
Para a posta en marcha da nova especialidade, que comezará o vindeiro día 2 de xullo, a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras procedeu a reorganizar este servizo para permitir a oferta de consultas no centro mais próximo á residencia dos usuarios.

Endocrinoloxía atende unha das patoloxías crónicas mais prevalentes entre a poboación de Ourense, como é a diabetes, o que ata agora obrigaba a moitos dos seus pacientes a desprazarse periodicamente ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para o seu seguimento e control.

Asemade dispoñer desta especialidade directamente no hospital do Barco, permitirá mellorar a coordinación cos médicos de Atención Primaria, responsables directos da detección, diagnóstico e seguimento dos pacientes diabéticos.

Te puede interesar