A Real Academia Galega achegou ós barquenses a orixe da toponimia do concello a través da conferencia “Toponimízate!”, que tivo lugar onte a través de streaming na canle de YouTube da RAG e que foi proxectada no Teatro Lauro Olmo, no IES Lauro Olmo e no IES Martaguisela.
Asistentes á conferencia de "Toponimízate!" do Barco, no Teatro Lauro Olmo. (J.C.)
Ó longo de case dúas horas que se poden volver ver na mesma canle de YouTube, o coordinador da unidade técnica de toponimia da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, debullou a etimoloxía de nomes de lugares que os barquenses usan de xeito cotián, moitas veces sen imaxinar apenas de onde proceden.
O Barco. Un barco... Ou algo máis?
Tradicionalmente asumiuse que a orixe do topónimo do Barco vén da barcaza que antigamente cruzaba o Sil durante séculos, incluso xa na época romana, ata a construción da Ponte de San Fernando. De aí viría O Barco de Valdeorras.
Así e todo, hai outra hipótese. Barco podería proceder das bases prerromanas *barc- ou *barg-, que significaban "depresión do terreo, concavidade". Aínda que neste caso a etimoloxía non sería demasiado diferente, xa que os nomes de embarcacións e os orónimos (nomes que designan a orografía) que designan concavidades no terreo adoitan ir en paralelo, segundo explica Vicente Feijoo.
O feito de que exista un "Porto da Barca" parece reforzar, de todos xeitos, a primeira teoría.
Viloira. A vila da auga
A orixe de Viloira é latina: VILLA AURIA. Pero ollo, porque do mesmo xeito que no caso de Ourense, o AURIA non ten nada que ver co ouro, tal e como explica Feijoo. Trátase dunha confusión coa palabra AURUM, ouro en latín; o certo é que AURIA nestes topónimos refírese ó auga. Polo tanto, Viloira sería algo así como "a vila do auga" ou "a vila xunto á auga", en clara referencia ó paso do Sil ou á desembocadura do río Valado.
Casa Grande de Viloira. (Arquivo)
Ademais destes topónimos, Vicente Feijoo repasou os de tódalas parroquias do concello. Entre eles, dous misterios; non se coñece con certeza a orixe dos nomes de Alixo e Éntoma.
Unha plataforma online para conservar os topónimos
Vicente Feijoo tamén expuxo na conferencia de "Toponimízate!" adicada ó Barco o funcionamento da aplicación online Galicia Nomeada, cuxa función é conservar a microtoponimia a través dun modelo colaborativo. Calquera pode acceder e axudar a que os topónimos non caian no esquecemento, subindo os seus propios e incluso podendo aportar material adicional.
Se ben anteriormente os topónimos cumprían unha función, designando lugares e servindo de guía, agora coas novas tecnoloxías sofren un proceso de esmorecemento que pon en risco un enorme patrimonio cultural. Galicia Nomeada, un proxecto desenvolvido pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia, é unha ferramenta coa que se podería salvar boa parte dos arredor de 2 millóns de microtopónimos que nomean o territorio.