O Ballé Folklórico da Amazonia acompaña a samba de tradicións ancestrales que queren darlle a coñecer ó mundo

Brasil, a porta ós ritmos indíxenas

Unha mostra das danzas indíxenas brasileiras no Barco de Valdeorras
O municipio de Belém é a maior cidade do estado brasileiro de Pará e tamén a súa capital. Cunha poboación de aproximadamente un millón e medio de habitantes, a vida económica da zona réxese por tres pilares fundamentais: a extracción mineral, a vexetal e as explotacións agropecuarias.
A zona foi colonizada polos portugueses, dos que recibiron, entre outras, influencias folclóricas que mesturaron cos ritmos caribeños que lles veñen do norte.

Considerada como o principal acceso urbano para a selva brasileira, Belém é o berce do Ballé Folklórico da Amazonia. Esta posición xeográfica dotou á rexión dunha cultura e costumes moi relacionados cos dos nativos da zona, pero ben mesturados coas raigames da xa citada colonización lusa.

Teñen, pois, un folclore composto por danzas do Caribe e indíxenas, moitas delas musicadas en portugués. E todo isto maniféstase nos seus bailes, relacionados coa natureza, coa psicoloxía humana e mesmo con universos imaxinarios. Así o mostran os brasileiros cada vez que suben ó escenario cun espectáculo moi atractivo.

O Ballé Folklórico da Amazonia está composto por medio centenar de integrantes, aínda que a Ourense só viaxaron 31, que comezaron a súa andaina no ano 1990. Ningún deles é profesional no sentido de que a súa fonte de ingresos se basee no baile, pero o seu saber facer sobre o escenario si que os convirte en expertos e, como sinala o seu director, tamén se comportan como tal.

A financiación do grupo non recibe axudas públicas, nin nunca as recibiu; senón que as propias actuacións son as que o manteñen. Parte dese diñeiro que conseguen ó danzar emprégano na adquisición de traxes inspirados no deseño dos orixinais aboríxenas, pero compostos de materiais máis modernos que garanten a súa durabilidade.

Xa por último, un dos obxectivos da agrupación folclórica é mostrarlle ó mundo que Brasil non só é samba e Carnaval. O espectáculo que presentan componse dunha mestura de tradicións. Se ben é certo que a samba está presente en tódolos recunchos do país, as danzas, cantos e músicas indíxenas representan a boa parte dos brasileiros. Poucos conxuntos hai en Brasil, segundo o director desta agrupación, que inclúan, ademais do coñecido baile do Carnaval, este tipo de folclore no seu repertorio. O Ballé Folklórico da Amazonia é un deles.

Este ano repiten en Ourense, onde xa estiveron hai tres edicións, pero a súa traxectoria conta xa con oito xiras internacionais. Durante a celebración das Xornadas do Folclore encherán de ritmos amazónicos as vilas de A Rúa, Celanova e Verín, despois de ter participado nos espectáculos de O Barco e Maceda.

Te puede interesar