Coñece Ourense

Canón do Sil

rocas_result
photo_camera Gravado de San Pedro de Rocas.

A Ribeira Sacra, os seus mosteiros e, como non, o espectacular “Canón do Sil” son unha das visitas máis demandadas polos turistas

Paisaxe e riqueza monumental xúntanse nas beiras do río Sil
Distancia aproximada dende Ourense ó embarcadoiro de Santo Estevo: 28 Km.

Unha das moitas singularidades do noso abundante patrimonio natural constitúeo o poder manter íntegra algunha das nosas paraxes máis espectaculares con que conta a nosa Galicia interior. A Ribeira Sacra, os seus mosteiros e, como non, o espectacular “Canón do Sil” son unha das visitas máis demandadas polos turistas que desexan coñecer a nosa fermosa terra; deste xeito neste peculiar percorrido apreciaremos a beleza da paisaxe, a riqueza dos monumentos conxugada coa recoñecida amabilidade de xente da bisbarra. Partindo de Ourense pola N-120, a 17 quilómetros, pouco antes de Os Peares, abandonando a vía rápida, sen chegar a cruzar a ponte que separa as provincias de Lugo e Ourense, a man dereita iníciase a sinuosa estrada local que tras percorrer 12 quilómetros achéganos ó embarcadoiro situado na presa do encoro de Santo Estevo.


As posibilidades ecoturísticas coa navegación do río Sil dende o encoro citado está alcanzando, dende a posta en servicio do catamarán “Ribeira Sacra”, unha enorme popularidade ó dar a coñecer tanto a propios como a visitantes esta zona como principal atractivo tanto polos seus recoñecidos valores naturais como botánicos.
As enormes paredes graníticas que enmarcan as dúas ribeiras no curso do Sil acadan profundidades comprendidas entre 500 e 600 metros de caída case en vertical acadada pola fractura de orixe tectónica fai millóns de anos. O clima Mediterráneo existente na zona fomenta o asentamento de especies arbóreas meridionais como aciñeira, carballo ou castiñeiro, entre outras. Os afamados viños, agrupados baixo as denominacións de orixe Amandi e Ribeira Sacra, contan con xusta sona nas mesas máis selectas. 

Dende o mirador de vilouse obsérvase a grandiosidade do canón
parador_de_san_ertevo_resultDistancia aproximada entre o Parador de Santo Estevo e Santa Cristina: 28 quilómetros. Tempo estimado de percorrido: 45 minutos
Dende o embarcadoiro de Santo Estevo a través da complicada estrada local en dirección ó pobo de Loureiro, despois dunha forte pendente que permite admirar o canón, unha vez enlazado ca estrada provincial OU-0508, en Loureiro xiraremos cara á capitalidade do Concello de Nogueira de Ramuín, Luintra. Aproximadamente a 3 quilómetros atópase un cruce que, despois un prolongado descenso, conduce ó antigo mosteiro benedictino, orixinario do século VI, o máis grande dos existentes na zona, na actualidade convertido en Parador Nacional de Turismo. 


O monumento é un verdadeiro compendio de estilos: románico, gótico, renacentista e barroco que se reparte entre os seus tres claustros, a fachada e a igrexa. 
Volta a Loureiro séguese a ruta en dirección a Parada do Sil efectuando unha pequena parada no miradoiro de Vilouxe ou Cabezoá dende o que se divisa unha das panorámicas máis espectaculares do canón. Xa en Parada do Sil, a carón da Casa do Concello, ten o seu inicio a pequena e estreita estrada local que nos leva a u recóndito e inesquecible paraxe onde, en medio dun souto de castiñeiros, agóchase o mosteiro de Santa Cristina de Ribas do Sil. De orixe eremita documéntase a súa existencia no ano 876. O templo, como casa de Deus e lugar de oración, é a mellor edificación do recinto. O mosteiro constitúe unha dependencia anexa ó que se accede mediante un curioso arco moi decorado. A alta torre, adosada ó costado norte do templo, constitúe o símbolo máis identificador do monumento. 

San Pedro de Rocas, visita obrigada

Distancia aproximada dende Castro Caldelas: 40 quilómetros. Tempo estimado de percorrido: 45 minutos.

Situado no Concello de Esgos, San Pedro de Rocas considérase o principal punto de referencia histórica deste concello. Parece ser que a súa orixe foi no século VI cando un grupo de eremitas habitou este agreste lugar dedicando a súa vida retirada á oración e penitencia. É un dos monumentos perrománicos máis antigos e sorprendentes pola súa orixinalidade constructiva. A igrexa, datada no século XII, foi declarada Monumento Nacional pese ás numerosas reformas e modificacións sufridas ó longo dos séculos. As tres ábsidas esculpidas sobre a dura rocha constitúen a parte máis antiga do recinto ó que se accede mediante tres arcos de ferradura de clara reminiscencia visigótica. Un total de vintecatro sepulcros antropomorfos repartidos tanto na entrada da igrexa como no exterior da mesma testemuñan a existencia dunha pequena comunidade relixiosa. O curioso campanario espadana data de mediados do século XV. A carón da igrexa no antigo mosteiro se exhiben diversas mostras da artesanía típica da zona.

Te puede interesar