A pesar de ser coñecidos no mundo por mor das catástrofes naturais, a cultura indonesia é moi abundante e variada

Indonesia e a riqueza descoñecida

E studantes da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Yakarta xuntáronse, no ano 2007, para intentar recuperar o panorama cultural do seu país.
Pouco a pouco trataron de ir creando o Klub Peminatan, cos fondos que lle aportaba o centro educativo e os poucos cartos cos que os axudaba o goberno. Pero non foi ata que se estableceron como compañía cando a universidade comezou a financiar o sustento do conxunto.

Para dar a coñecer a súa riqueza cultural viaxan por primeira vez fóra de Indonesia. O seu destino, a Península Ibérica. De feito, antes de chegar a Ourense xa estiveron en Andalucía e Portugal.

O grupo universitario conta cuns 60 membros, aínda que en Ourense só están hoxe 26.



O ESTEREOTIPO DAS CATÁSTROFES

O director da agrupación asegura que moita xente polo mundo adiante nin sequera sabería situar xeograficamente o seu país. É máis, se pensamos en Indonesia de seguida ligamos este nome ás palabras desgracia ou tsunami.

Non obstante, a riqueza que lle aportan as 300 tribos que integran as illas do país é o que o Klub Peminatan tenta levar no seu repertorio para desbotar esas dramáticas visións.

O tipo de danzas coas que chegan ás Xornadas do Folclore xiran, como contrapunto ós tópicos que temos sobre eles no mundo occidental, arredor das festas, as vodas, os nacementos e a relixión.

Para darlle colorido a todos estes temas empregan traxes baseados nas vestimentas tradicionais. A estes introdúcenlles algunhas melloras requeridas pola modernidade e polo desgaste que poden sufrir nas viaxes. Con todo, pretenden manterse o máis fieis posible ós costumes do seu pobo e para iso documéntanse a conciencia á hora de elaborar as indumentarias.

Precisamente as prendas que empregan, xunto coas danzas e os cantos, están moi condicionadas pola posición que Indonesia ocupa na xeografía mundial. É a súa proximidade co mundo árabe, con China e coa India, un elemento decisivo en canto ás influencias folclóricas que recibe.

Non hai mellor lugar que a capital para poder contemplar os influxos reais dun país, posto que alí é onde se xunta xente máis diversa. Dende a de Indonesia, Yakarta, é de onde ven este conxunto.

A pesar do sinalado tópico catastrofista, a cidade, sita na illa de Java, é un centro financieiro cheo de vida económica e administrativa, con altos edificios que albergan numerosas oficinas.

Tras visitar Allariz, O Carballiño e Celanova, o conxunto folclórico Klub Peminatan actúa hoxe en Entrimo ás 20:30 horas. Os seus próximos destinos serán Manzaneda, Ourense, Chaves e Bande, para despedirse do festival o día 19 de agosto.

Te puede interesar