A 'Festa da Vendima' convocou a centos de persoas a participar nunha xornada de homenaxe a tódolos veciños que fan posible a colleita das uvas, e na que se concederon premios ós mellores acios e deseños de carr

As mellores uvas cóllense en Leiro

O Ribeiro e as uvas convertíronse onte en compañeiros inseparables co gallo da celebración da 'Festa da Vendima', que acadou a súa vixésimo segunda edición na localidade de Leiro. Centos de veciños e visitantes foron quen de sumarse a esta homenaxe ós agricultores que fan posible a colleita das uvas, tras un longo proceso que dura todo o ano.
O programa iniciouse ás 11.30 horas coa recepción das autoridades invitadas, entre as que se atopaban os conselleiros de Educación, Xesús Vázquez, e de Traballo, Beatriz Mato, este ano encargada de ler o pregón, acompañadas por alcaldes, concelleiros e deputados da provincia. Unha hora máis tarde comezaba o desfile das 26 carrozas inscritas no concurso, nas modalidades de adultos e infantís. Un xurado integrado por cinco expertos foi quen de puntuar e decidir os gañadores, baixo un forte sol.

Así, 'A viña da rica', 'A augardente' e 'A Xoana' recibiron 1.000, 750 e 500 euros, respectivamente, na primeira categoría citada, mentres na segunda resultaron con premios 'Os peques vendimadores', con 450 euros; 'Das boas uvas, bós viños', 350, e 'A merenda da vendima', 250 euros. O concurso de engalanamento de balcóns quedou deserto, se ben a decoración de establecementos foi para o bar A Bodeguiña, con 100 euros.


ACIOS

Mentres, os asistentes ó festexo admiraban as uvas brancas e tintas expostas na Praza do Cruceiro que optaban ós galardóns do certame de acios. Adrián Salgado, da parroquia de Lebosende, fíxose con sendos premios de 60 euros nas dúas cores, levándose o primeiro premio en brancas as loureiras de José Benito Agostiño, de Gomariz, triunfando en tintas o colectivo Beira do Avia, de Leiro, con mencías, recibindo 90 euros cada un deles. Charangas e grupos de gaiteiros amenizaron con pasarrúas e actuacións tódalas actividades da xornada, entre as que tamén destacou a novena edición do Mercado Artesanal, con 20 postos ubicados no paseo fluvial do río Avia, e que foi percorrido polas autoridades.

Como remate da programación, celebrouse o xantar nunha carpa instalada na paraxe natural de O Salgueiral, con pulpo, carne ó caldeiro, pan, viño do Ribeiro, bica, café e queimada, e no que participaron 500 comensais. No decurso do ágape, o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, entregou uns cadros de honra da festa ó subdelegado do Goberno, Camilo Ocampo; ó delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, e ó conselleiro Xesús Vázquez.

Te puede interesar