Queirugás recupera a arte da "malla" dentro do seu Ciclo do Pan

<p></p>
photo_camera Unha muller aporta un feixe ao montón onde se deposita o trigo

Hoxe domingo continuará a tradición mediante a celebración da "fornada" a partir das 12,00 horas do mediodía na Torre de Seoane

Queiroás da Igrexa acolleu onte a celebración da "malla" dentro das súas festas etnográficas do Ciclo do Pan. A xornada comezou ás 09,00 horas da mañá cun encontro de veciños e medeiros na "Aira Vella" do pobo. Para todas aquelas persoas con curiosidade por saber máis sobre ferramentas, materiais de labranza, motores e máquinas de mallar antigas, abriuse ao público unha mostra con todos estes elementos, ademais dunha exposición fotográfica.

Ás 11,00 da mañá iniciáronse, no medio dunha grande expectación, as recreacións das diferentes formas de mallar. Neste senso, a "Aira de Abaixo" acolleu a malla á pedra coas mazas, a "Aira do Fondo" a malla con mallos ou males e o "Cruceiro" a malla con motor e malladora.

Pasadas as 14,30 horas, tivo lugar un xantar popular na "Bidueira do Kiko", onde todos os comensais disfrutaron dun menú composto por empanada artesana, pementos recheos, carne estofada de boi de Allariz, pan, viño, café e licores. Os máis cativos participaron pola tarde nun obradoiro de pan con boliños preñados no Forno da Señora Ermitas. Non faltou a música, durante toda a xornada, grazas á agrupación musical "De pé feito".

Durante a xornada de hoxe domingo celebrarase "a fornada" a partir das 12,00 horas na Torre de Seoane. 

Te puede interesar