Unha media diaria de 75 rapaces do Carballiño participa no programa lúdico de Xogaventura

Os xogos achéganse ó rural

Unha xornada de festa serviu para clausurar na mañá de onte as actividades de 'Xoga Rural', un programa lúdico patrocinado pola Deputación de Ourense que se veu desenvolvendo dende xullo nas instalacións do centro Xogaventura do Carballiño.
Tódolos martes, mércores e xoves de xullo e agosto, e cun horario de 10.00 a 13.00 horas, nenas e nenos das parroquias do rural carballiñés e algúns da propia vila do Arenteiro, acudiron puntualmente á cita para aproveitar as súas mañás de lecer ó traverso de xogos, pero tamén de talleres educativos e formativos. 'Nesta sexta edición do programa rexistramos unha media diaria de asistencia de perto de 75 rapaces, superior á de anos anteriores', sinala José Luis Alves, coordinador de 'Xoga Rural'.

'O obxectivo destas actividades é encher un baleiro existente na oferta estival doutras entidades, que non cubre as expectativas de diversión e aprendizaxe que precisan os nenos en certas idades, coma é neste caso entre os catro e os 14 anos', indica o tamén xerente de Xogaventura.

Ademais da variedade de xogos de iniciación ós deportes de aventura, coma son o 'rocódromo' ou a 'pista americana', entre outros, os participantes tamén tiveron a oportunidade de asistir a talleres de globoflexia, papiroflexia e elaboración de complementos con materiais reciclables.

Nembargantes, volveu triunfar o taller de 'cociña creativa', onde aprenderon a elaborar gelatinas, pasteis e brochetas de froitas, que ó final poideron degustar onte, xunto con auga e refrescos, no peche das actividades.

Te puede interesar